Axudas á transformación dixital das pemes - 2024
- 25/04/2024
- 27/05/2024
-
Etapa
IG300C - Axudas á transformación dixital das pemes - 2024
Data de publicación: 25/04/2024
Data inicio de solicitude: 26/04/2024
Data remate de solicitude: 27/05/2024
Obxecto
Esta Resolución ten por obxecto publicar a convocatoria das axudas para a posta en marcha de proxectos de dixitalización cuxa finalidade sexa a implantación de solucións para o soporte dixital de procesos dunha empresa ou para proxectos de interconexión dixital de procesos entre unha empresa galega e outras empresas ou entre dúas ou máis empresas galegas como poden ser ordes de fabricación distribuída, sistemas de facturación, procesos entre un líder industrial cara ás pemes que conforman a súa cadea de valor.
Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:
a) Proxectos individuais dunha peme.
b) Proxectos colectivos, cun grupo de empresas (opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador).
Ademais, os proxectos encadraranse en tres tipos distintos en función do importe total subvencionable:
Tipo 1: proxectos cun importe subvencionable menos de 50.000€.
Tipo 2: proxectos cun importe subvencionable de entre 50.000€ e 120.000€.
Tipo 3: proxectos cun importe subvencionable de máis de 120.000€.
O Igape poderá reclasificar os proxectos entre modalidades e tipos no caso de que a clasificación proposta pola empresa non sexa correcta.
Características da axuda
a) Proxectos individuais en que unha peme.
Neste tipo de proxectos individuais unha peme debe abordar unha das seguintes tipoloxías de proxecto:
1º. Desenvolvemento dunha interfaz dixital para as súas interaccións de negocio, ou adopción/implantación dunha solución de interacción xa existente cos seus clientes ou provedores.
2º. Sistemas de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomas, interconexión de elementos físicos e virtuais, tratamento de datos captados (intelixencia de negocio, bigdata e similares) e ciberseguridade.
3º. Implementación de sistemas encamiñados á dixitalización de procesos concretos ou de xestión integral (ERP, CRM e similares).
4º. Implementación dun sistema de mellora da función loxística da empresa, parcial ou integral.
b) Proxectos colectivos cun grupo de empresas (opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador)
Este tipo de proxectos deberá abordar unha das seguintes tipoloxías de proxecto:
1º. Propoñen utilizar e implantar un determinado sistema nas súas interaccións dixitais, incluídas aquelas orientadas á mellora da función loxística do conxunto de empresas.
2º. Propoñen a implantación dun sistema de dixitalización, dalgún proceso ou de xestión integral, especificamente deseñado ou desenvolvido para o seu ámbito de actividade, así como a implantación dun sistema de mellora da función loxística, parcial ou integral, de uso común, especificamente aplicable para o seu ámbito de actividade.
Nas dúas tipoloxías de proxectos poderanse subvencionar os seguintes tipos de conceptos:
a) Investimentos materiais e/ou inmateriais novos adquiridos en propiedade (que para ser subvencionables deben contabilizarse nunha conta contable do grupo 2) que sexan necesarios para o desenvolvemento do proxecto, sempre que a tipoloxía do investimento resulte directamente relacionada cos correspondentes ámbitos de actuación.
Exclúese a adquisición e acondicionamento de inmobles, gastos de mobiliario, medios de transporte exterior, equipamento de oficina e o equipamento TIC básico (tal como ordenadores de sobremesa, portátiles, teléfonos intelixentes, tabletas, impresoras).
Non obstante, excepcionalmente poderase autorizar a adquisición de equipamento TIC que, pola súa especificidade, quede xustificado no ámbito de desenvolvemento do proxecto, cando a súa subministración sexa imprescindible para a implantación do proxecto, sen que poidan ser utilizados para outros fins distintos á devandita implantación.
b) Servizos de consultoría externa de carácter tecnolóxico ou organizativo (que para ser subvencionables debe contabilizarse nunha conta contable do grupo 6): asistencia técnica e consultoría directamente relacionada coa execución do proxecto.
As colaboracións externas subvencionables deberán contribuír aos obxectivos específicos do proxecto e, polo tanto, non consistirán en actividades permanentes ou periódicas nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais da empresa como son os servizos rutineiros de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade, servizos de mantemento nin calquera outro non vinculados directamente co obxecto do proxecto.
c) Nos proxectos colectivos, se se opta por contar cun organismo intermedio, este poderá facturar ás pemes participantes en concepto de gastos de coordinación do proxecto, ata un máximo de 1.500€ (excluído IVE) por cada peme beneficiaria participante no proxecto, ata un importe total máximo de 6.000€ por proxecto (excluído IVE). Ese importe considerarase gasto subvencionable de consultoría externa e dividirase entre todas as pemes participantes.
d) Nos proxectos que sexan coordinados por un hub de innovación dixital, dos seleccionados ao abeiro da Estratexia galega de HID, cun importe subvencionable igual ou superior a 60.000 €, excluídos os gastos de coordinación do hub, será subvencionable, ata un máximo de 6.000€, o servizo de consultoría desenvolto polo hub en concepto de coordinación, apoio á definición do proxecto, apoio na selección de tecnoloxías e provedores e seguimento da implementación do proxecto.
e) Para aqueles proxectos en que as colaboracións externas ou ben a adquisición de activos inmateriais superen os 30.000€ ou a suma de investimentos e colaboracións supere os 45.000€, será subvencionable o informe dun enxeñeiro colexiado cualificado, ata un importe máximo de 2.000€. Ese importe considerarase gasto subvencionable de consultoría externa.
A subvención será do 35% dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e do 25% para as medianas.
A subvención será do 50% dos gastos en servizos de consultoría subvencionables para ambas as categorías de empresa, pequenas e medianas.
Os gastos do organismo intermedio previstos nos puntos c) e d), de existiren, terán a consideración de colaboracións externas.
Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), calquera que sexa a súa forma xurídica, incluíndo as persoas empresarias autónomas, e que teñan un centro de traballo en Galicia en que se vaia realizar o proxecto.
Para poder solicitar as axudas da tipoloxía de proxectos colectivos, os interesados deberán, previamente, constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007. A dita agrupación terá que estar constituída polo menos por dúas pemes con centro de traballo en Galicia. Deberase facer constar expresamente nun documento os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, que terán, igualmente, a consideración de persoas beneficiarias.