Publicado o Real Decreto – lei 13/2022, polo que se establece un novo sistema de cotización para as persoas traballadoras autónomas

O Real Decreto – lei 13/ 2022 publicado no BOE establece múltiples e especialmente relevantes novidades no que respecta do Réxime Especial de Persoas Traballadoras Autónomas (RETA), destacando as seguintes:

Cotización en función dos rendementos netos declarados

O novo sistema de cotización, que entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2023, atenderá aos ingresos reais declarados perante a AEAT anualmente, establecendo 15 tramos ou escalas (3 para a táboa reducida e 12 para a táboa xeral) que establecen a base de cotización mínima e máxima pola que terán que cotizar as persoas traballadoras autónomas a partires do 2023, coa correspondente cota mínima e máxima.

Deste xeito, a cota mínima para as persoas autónomas cuns rendementos netos de menos de 670€ mensuais sitúase en 230€/mes no ano 2023, para situarse no 2025 nos 200€ mensuais. Atendendo á escala establecida, no caso das persoas que teñan uns rendementos netos mensuais superiores a 6.000€ (último tramo establecido) se lles establece unha cota mensual de 500€ no 2023 e de 590€ no ano 2025. Este novo sistema tamén establece que, tras un período transitorio de 9 anos e diversas revisións por parte do Goberno no seno do Dialogo Social, implantarase definitivamente no 2032 cun modelo de rendementos por ingresos reais, equiparándose ao sistema de cotización do réxime xeral.

O cálculo dos ingresos reais realizarase partindo dos datos declarados perante a Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), sumando todos os ingresos por actividades económicas e restando os gastos que se consideren deducibles, coa excepción no caso das persoas en estimación directa da cotización á seguridade social.

Unha vez calculado o rendemento neto da actividade económica, se establece tamén unha dedución por gastos xenéricos do 7%, coa excepción das persoas traballadoras por conta propia societarios que será do 3%.

Modificación da base de cotización

Outro cambio que esixirá ás persoas autónomas un maior seguimento da súa actividade profesional é a relativa á comunicación á Seguridade Social da modificación que se terá que facer segundo a estimación de variación de rendementos da actividade económica ao longo do ano.

Así, se poderá cambiar de tramo de cotización 6 veces ao ano, presentando a correspondente xustificación de variación prevista dos rendementos netos do exercicio: • 1 de marzo, se a solicitude se formula entre o 1 de xaneiro e o último día natural do mes de febreiro. • 1 de maio, se a solicitude se formula entre o 1 de marzo e o 30 de abril. • 1 de xullo, se a solicitude se formula entre o 1 de maio e o 30 de xuño. • 1 de setembro, se a solicitude se formula entre o 1 de xullo e o 31 de agosto. • 1 de novembro, se a solicitude se formula entre o 1 de setembro e o 31 de outubro. • 1 de xaneiro do ano seguinte, se a solicitude se formula entre o 1 de novembro e o 31 de decembro.

Regularización das cotas provisionais

Como o novo sistema de cotización atenderá á previsión de rendementos pola actividade económica, o RD-l 13/2022 tamén establece o procedemento para regularizar as cotas satisfeitas respecto dos rendementos netos finalmente acadados en cada exercicio.

Así, será a AEAT a que comunique á Tesourería da Seguridade Social os datos declarados anualmente para cruzalos coas bases de cotización provisionais e abordar a regularización correspondente para obter as bases de cotización e cotas definitivas.

Esta regularización farase, por tanto, a ano vencido polo que será no seguinte ano no que se a persoa autónoma terá que realizar un ingreso adicional por ter ingresado unha cota inferior á finalmente determinada (no caso de ter declarado ingresos superiores aos previstos) ou ben, a unha devolución por exceso de cota por parte da Tesourería da Seguridade Social no caso de que os rendementos provisionais foran superiores aos finalmente declarados.

Persoas cunha base de cotización superior á do tramo de referencia

Como caso excepcional para as persoas que a 31 de decembro de 2022 estean a cotizar por riba do tramo que lles sería de aplicación co novo sistema de cotización, o RD-l 13/2022 lles permitirá manter a dita “sobrecotización”, aínda que os rendementos determinasen unha base de cotización inferior.

Cota reducida para as novas persoas traballadoras autónomas

O RD-l 13/2022 establece tamén un novo importe da coñecida como “tarifa plana”, subíndoa a 80€ mensuais durante os primeiros 12 meses, prorrogables outros 12 meses no caso de que a persoa traballadora autónoma presente uns rendementos netos de actividade económica inferiores ao salario mínimo interprofesional.

En todo caso, tamén establece que as persoas que estean a aplicar xa a tarifa plana se lles manterán as deducións e bonificacións correspondentes en función da situación actual establecida.

Réxime Especial do Mar

Este RD-l 13/2022 modifica tamén o artigo 8 da Ley 47/2015, reguladora da protección social das persoas traballadoras do sector marítimo-pesqueiro, adaptando tamén a cotización das persoas traballadoras por conta propia incluídos no grupo primeiro de cotización deste réxime especial ao novo sistema de cotización por rendementos.

Prestacións por incapacidade temporal e outras bonificacións

Este cambio normativo incide tamén de xeito destacado no sistema de prestacións por incapacidade temporal das persoas traballadoras autónomas.

Agora a cobertura da prestación por incapacidade temporal faise obrigatoria (coa única excepción das persoas socias cooperativas que dispoñan dun sistema intercooperativo complementario).

Se inclúen novas pautas en materia de prestación por nacemento e coidado de menores e se inclúe tamén, entre outros, unha bonificación na cotización nos supostos de que a persoa traballadora autónoma teña que coidar dun menor afectado por cancro ou outra enfermidade grave, ampliándose igualmente as bonificacións para as nais traballadoras, por coidado de fillos ou fillas menores de 12 anos ou familiares ao seu cargo ou por familiar colaborador agrario.

Prestacións por cese de actividade

Outro aspecto no que fai especial fincapé o RD-l 13/2022 é nas prestacións por cese de actividade, engadindo a opción de cese parcial aos xa establecidos de cese definitivo e cese temporal completo.

Nese sentido, establece os requisitos e o procedemento para solicitar e xustificar o mencionado cese parcial, sexa con ou sen persoas traballadoras por conta allea ao cargo ou cese temporal parcial por forza maior.

Mecanismo RED de protección

Como último aspecto a destacar, o RD-l 13/2022 tamén adapta ás persoas traballadoras autónomas a protección que achega ás persoas asalariadas o mecanismo RED para a solicitude de expedientes de regulación temporal de emprego.

Se inclúe así a tipoloxía de RED cíclico, que deberá vir aprobado polo Consello de Ministros ante unha coxuntura macroeconómica xeral desfavorable e inclúe tamén a tipoloxía de RED sectorial, cando nalgún sector se aprecien circunstancias ou feitos permanentes que esixan procesos de recualificación ou procesos de transición profesional.


Publicación BOE

Presentación RD - lei