Lorenzana pon en valor o emprendemento feminino que contará en 2023 con apoios específicos en etapas iniciais e de expansión dos proxectos
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, puxo hoxe en valor a relevancia do emprendemento feminino en Galicia que a Xunta seguirá a apoiar en 2023 de xeito decidido, no marco do encontro Emprendedoras e desenvolvemento sustentable, organizado pola Fundación Mujeres, para celebrar o Día do emprendemento feminino este 19 de novembro.
Lorenzana destacou a relevancia da iniciativa empresarial das mulleres en Galicia que acaba de ser referendada polo Informe Executivo GEM 2021-2022 ao sinalar que “están a consolidar o seu liderado na fase central do proceso emprendedor”. Así, lembrou, a Taxa de Actividade Emprendedora (TEA) -que mide a porcentaxe de persoas de 18 a 64 anos cunha iniciativa emprendedora realizada nos 42 meses anteriores- situose do 5,3 % no caso feminino, fronte a un 4,4 % nos homes.
“É importante seguir fomentando políticas centradas en incentivar o emprendemento co foco posto nas mulleres e no liderado feminino”, manifestou a conselleira, quen cifrou en 18,2 millóns de euros o investimento que a Xunta destinará en 2023 á Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego; unha “nova área estratéxica” que, segundo relatou, ten como principal cometido o desenvolvemento da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, iniciada en 2022 e que contará con 12 centros ao longo de 2023.
“A través destes centros de referencia poderanvos axudar a determinar en que tipo de actividades hai oportunidades de negocio na vosa contorna máis próxima e apoiarvos no proceso de posta en marcha da vosa idea empresarial”, manifestou Lorenzana.
A conselleira recordou, por outra banda, que en 2023 tamén se impulsarán desde o Goberno galego iniciativas de emprendemento de proxectos empresariais en etapas iniciais (con 4 millóns de euros) e se apoiará a expansión doutras xa en marcha (con outros 4 millóns de euros). Apoiar o emprendemento a nivel empresarial será outra das liñas de traballo, á que se destinará outro millón de euros para nutrir convenios con entidades colaboradoras e universidades.
Trátanse de novas liñas de apoio da nova Dirección Xeral de Emprendemento e de Apoio ao Emprego que conta para 2023 cun orzamento global de 18,2 millóns de euros para desplegar por toda a xeografía galega os 12 polos de emprendemento no rural e apoiar, así, as iniciativas empresariais galegas.
“As mulleres sodes un colectivo prioritario, con acceso preferente e apoios de maior intensidade en numerosas convocatorias e ordes de axuda da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, aspecto que se materializa no Plan Emprega Muller 2023: 16,1 millóns de euros para chegar a 11.800 beneficiarias”, puxo en valor a conselleira.
Lorenzana destacou a consolidación do programa de emprendemento feminino Emega, que conta cun orzamento de case 4 millóns de euros para o próximo ano. Este programa histórico con 26 anos de antigüidade, permitiu a creación de 2.084 empregos femininos e o mantemento doutros 648 grazas aos máis de 18,4 millóns de euros investidos nos últimos 13 anos.
A Xunta ten en marcha a nova estratexia de emprego Xempre contigo, unha iniciativa, coa que Galicia está a apostar “por un mercado laboral máis interconectado, formado, accesible e dinámico, articulado en base á colaboración entre Administración pública e entidades privadas, para a mellora das capacidades dos equipos humanos e do benestar laboral”, incidiu a titular de Promoción do Emprego.