Axudas Bonos Talento empresa - 2023


  • 20/07/2023
  • 03/11/2023
Accede dende aquí

TR302D -  Bono Talento empresa - 2023

Data de publicación: 20 de xullo de 2023

Data de inicio solicitude: 21 de xullo de 2023

Data de finalización solicitude: 3 de novembro de 2023 - ampliado o prazo

Obxecto

Esta Orde teñen por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar a concesión dos Bonos Talento empresa, destinados á formación non formal mediante a realización de proxectos formativos de curta duración que teñan como obxectivo mellorar as capacidades das empresas e contribuír ao desenvolvemento profesional dos seus cadros de persoal.

A efectos desta subvención entenderase por proxecto formativo aquel que estea integrado por un máximo de tres accións formativas de carácter non formal de curta duración.

Características da axuda

As actuacións subvencionables son accións formativas de carácter non formal de curta duración, destinadas a contribuír ao desenvolvemento profesional das persoas traballadoras ocupadas por conta allea do cadro de persoal da entidade beneficiaria e a mellorar a competitividade das súas empresas.

As accións formativas estarán orientadas á adquisición de competencias comprendidas entre os ámbitos de capacitación prioritarios detectados nas mesas de traballo con empresas e axentes sociais, realizadas no marco da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego. Estes ámbitos son:

a) As competencias dixitais, desde a dixitalización básica (traballo colaborativo con ordenadores, ofimática nivel usuario de paquetes ofimáticos sectoriais e especializados ou uso de dispositivos, etc.) ata a adquisición de competencias e coñecementos técnicos avanzados (programar sistemas informáticos, configurar e protexer sistemas informáticos, acceder a e analizar datos dixitais, etc.), a adquisición de coñecementos de tecnoloxías innovadoras ou disruptivas, etc.

b) As competencias das persoas traballadoras en procesos industriais, incluíndo a manipulación de maquinaria especializada, coñecementos e técnicas do ámbito da construción, técnicas de soldadura, instalación de compoñentes, deseño ou interpretación de documentación ou diagramas técnicos, entre outros.

c) As competencias vinculadas á xestión empresarial, incluíndo competencias de xestión de persoas e equipos (recursos humanos e xestión do talento, xestión de proxectos, etc.), a xestión eficiente dos recursos, a toma de decisións e a planificación estratéxica ou a realización de tarefas administrativas, financeiras e contables, etc..

d) As competencias de prestación de servizos a clientes, tanto vinculadas a promocionar, vender e comprar produtos ou servizos como relativas á atención ao cliente (orientación e asesoramento, satisfacción do cliente, asistencia posventa, xestión de reclamacións, etc.) e a atención telefónica.

e) As competencias do ámbito asistencial, incluíndo a prestación de coidados (asistencia a persoas enfermas, con problemas de mobilidade e maiores, entre outras), técnicas e coñecementos sanitarios, de diagnóstico ou de medicina preventiva ou de benestar, entre outros.

As accións formativas solicitadas non deben estar incluídas na oferta de formación, formal e non formal, recollida no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE). Para facilitar a comprobación da oferta formativa actual do Catálogo ponse ao dispor a través deste enlace.

Ao abeiro desta convocatoria, a entidade solicitante só poderá solicitar un proxecto formativo que, como máximo, poderá conter ata tres accións formativas; cada unha das accións formativas poderá ter unha duración mínima de 16 horas e máxima de 100. O número de horas semanais por persoa participante non poderá ser superior a corenta horas, cun límite máximo diario de oito horas. A participación nas accións subvencionadas ao abeiro desta orde non terá ningún custo para a persoa participante.

Estas accións formativas poderán ser executadas en modalidade presencial ou teleformación.

O gasto máximo subvencionable de cada acción formativa determinarase mediante a suma de:

a) 16,21 euros por hora de formación polo número de persoas asalariadas pertencentes ao cadro de persoal da entidade solicitante que realizan a acción formativa.

b) 16,82 euros por hora de formación para cubrir o salario aboado ás persoas asalariadas polo número de persoas asalariadas pertencentes ao cadro de persoal da entidade solicitante que participan na acción formativa.

A contía máxima da subvención por entidade solicitante non poderá ser superior a 25.000 euros.

Persoas beneficiarias

Poderán solicitar as subvencións previstas nesta orde as microempresas e pequenas empresas, así como as entidades do terceiro sector da acción social validamente constituídas e con actividade ininterrompida, cando menos, dende tres anos antes da data de publicación desta convocatoria, con centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver a actividade para a cal solicitan a subvención, que posúan capacidade técnica e financeira suficiente para a execución das accións subvencionadas e non incorran nas circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Tamén poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas que teñan contratadas ao seu cargo persoas traballadoras por conta allea, validamente inscritas no réxime especial de traballadores autónomos ou no réxime especial de traballadores do mar por conta propia, con centro de traballo en Galicia e cunha antigüidade como cotizante igual ou superior a tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data de publicación desta convocatoria.

Poderán participar nas accións formativas obxecto de financiamento as persoas destinatarias seguintes:

a) As persoas traballadoras ocupadas por conta allea que presten os seus servizos nas entidades beneficiarias destas axudas e estean adscritas ao centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) As persoas traballadoras ocupadas por conta allea que estean contratadas baixo a modalidade de fixos descontinuos poderán realizar a formación tanto nos períodos de ocupación como de non ocupación.

A consideración como persoas traballadoras ocupadas por conta allea virá determinada pola situación laboral en que se encontren na data de comezo da acción formativa.

Válido dende: 
xoves, 20 Xullo, 2023
Válido ate: 
venres, 3 Novembro, 2023