A Consellería do Mar remite ao sector do mar recomendacións para reforzar as medidas de prevención ante o coronavirus
A Consellería do Mar vén de enviar ás confrarías de pescadores galegas unha serie de recomendacións para o desenvolvemento da actividade nas lonxas, nos barcos de pesca e nos bancos e puntos de control marisqueiro ante a situación do coronavirus. Estas medidas preventivas complementan as xa establecidas polo Goberno galego ante a situación do COVID-19 e teñen como obxectivo manter a actividade con todas as garantías nuns establecementos fundamentais para asegurar o abastecemento de materias primas alimentarias de calidade para a poboación.
En relación ás lonxas, a Consellería do Mar sinala que se deben reducir as actividades presenciais recorrendo aos medios telemáticos e telefónicos na medida do posible, medida que se estende tamén aos trámites coas oficinas administrativas das lonxas. Ademais, limita o acceso á lonxa coa prohibición de entrada a toda persoa allea á operativa e comercio de produtos frescos do mar. Isto implica a cancelación das visitas turísticas ou similares e que só poidan acceder aos locais os compradores e vendedores autorizados en cada lonxa.
No caso das poxas, a Xunta limita a asistencia a un máximo de 50 persoas e establece que a presenza durante a súa celebración debe ser a mínima imprescindible co obxectivo de evitar as concentracións de xente e aplicando sempre as medidas de distanciamento entre persoas que se establecen nas recomendacións sanitarias. Con esa finalidade, en caso de ser necesario, aumentarase o número de poxas e a pesada das capturas tamén se realizará por quendas para evitar aglomeracións. A exposición dos produtos farase deixando a suficiente distancia entre filas para manter o espazo mínimo recomendado entre persoas.
En canto ás medidas de hixiene, a Consellería do Mar aconsella incrementar o nivel de limpeza e desinfección de todas as dependencias das lonxas así como aumentar a dispoñibilidade de lavamáns ou dispensadores de limpadores desinfectantes nas zonas de poxa e pesada das capturas. Neste sentido, tamén lembra a necesidade de cumprir de xeito estrito coas medidas xerais de hixiene e uso de equipos persoais de protección.
Recomendacións a bordo
No que respecta ás directrices para os buques de pesca, marisqueo e auxiliares de acuicultura, son complementarias ás decretadas pola Xunta e polos outros organismos competentes na materia, como Sanidade Marítima (o Instituto Social da Mariña) e as capitanías marítimas e que teñen como obxectivo garantir o funcionamento e operatividade das embarcacións, minimizar os riscos e evitar contaxios.
De xeito xeral, a Consellería do Mar aconsella realizar controis previos ao embarque para verificar que os tripulantes non tivesen contacto de primeiro grado con algunha persoa afectada pola enfermidade, caso no que se optaría por aprazar o seu embarque. Tamén se solicita a comprobación de ausencia de sintomatoloxía (febre, tose e problemas respiratorios) nos traballadores e que se recorde á tripulación a conveniencia de non embarcar en caso de ter síntomas ou especial sensibilidade á incidencia do coronavirus.
O Executivo galego tamén recomenda o reforzo das medidas de hixiene a bordo coa posta a disposición da tripulación de panos dun só uso e solucións ou toallas alcohólicas así como elementos respiratorios de protección individual. Ademais, pide que se intensifiquen os labores de limpeza e desinfección das distintas estancias e elementos do buque e que se lle recorde á tripulación a necesidade de reforzar as medidas de hixiene persoal.
A comunicación enviada ao sector tamén inclúe a necesidade de organizar o traballo a bordo para evitar a presenza en instalacións comúns de máis de cinco persoas e mantendo unha distancia mínima de metro e medio, evitando os contactos persoais.
No caso de que haxa sospeita da existencia dun positivo por coronavirus a bordo, a Consellería do Mar aconsella a colocación dunha máscara de protección ao afectado e chamar ao Centro Radio Médico para que ditamine se é necesaria a súa evacuación, faga un seguimento do caso e decida as medidas de confinamento a adoptar e os procedementos para o seu control. Tamén se debe comunicar este feito á autoridade laboral competente.
O Executivo galego lembra ademais que se atenderá de xeito especial a aquelas recomendacións e instrucións que emitan as autoridades sanitarias e laborais con competencias na materia, con especial atención a Sanidade Marítima, o Instituto Social da Mariña ou as capitanías marítimas.
Sector marisqueiro
No caso do marisqueo, a circular remitida ao sector pola Consellería do Mar recomenda que as persoas que por motivos de saúde sexan vulnerables e estean máis expostas aos riscos de infección, ou que teñan menores ou maiores ao seu cargo, non asistan ás actividades de marisqueo pois esa inactividade non suporá penalización na renovación dos seus permisos de explotación. En caso de estar entre estes supostos e querer seguir coa actividade, deberán avisar á entidade asociativa á que pertenzan para adoptar as medidas oportunas.
As recomendacións ao sector do marisqueo tamén inclúen evitar as aglomeracións tanto nas zonas de traballo como nos puntos de control, manter a distancia de seguridade e non ter contacto físico en ningún momento. Ao mesmo tempo, ao igual que para o resto do sector, aconséllase reforzar as medidas de hixiene dos profesionais así como a limpeza das instalacións para evitar contaxios.
A Xunta tamén aclara que as xefaturas territoriais emitirán resolucións ampliando ata o 30 de abril o período de vixencia das autorizacións marisqueiras que estean actualmente en vigor para permitir o traballo dos profesionais. Neste sentido, a Administración galega indica ademais que coa declaración do estado de alarma están suspendidos os prazos para a tramitación dos procedementos administrativos, que se retomarán unha vez finalizado este período, algo a ter en conta na renovación dos permisos de explotación de marisqueo a pé.
Todas estas medidas súmanse ás normas de aplicación establecidas nos últimos días pola Xunta de Galicia para loitar contra a expansión do coronavirus así como ás obrigas impostas polo Goberno do Estado con ese mesmo obxectivo. Estas recomendacións particulares pretenden clarificar e orientar ao sector pesqueiro galego no desenvolvemento da súa actividade para loitar contra esta enfermidade e evitar a súa expansión.