Publicadas as bases e a convocatoria 2023 dos premio ao desenvolvemento rural de Galicia
O Diario Oficial de Galicia ven de publicar as bases reguladoras dos premios ao desenvolvemento rural de Galicia e a convocatoria da décimo cuarta edición para o ano 2023.
Para este ano, os premios que se convocan atenden ás seguintes categorías:
a) Categoría mocidade, para as iniciativas levadas a cabo por persoas mozas, que constitúan unha aposta polo presente e o futuro do medio rural galego e da súa poboación. Para estes efectos, terá a consideración de moza quen non teña máis de corenta anos na data en que finalice o prazo para presentar a iniciativa ou, no caso de persoas xurídicas, cando polo menos o 25 % dos seus membros cumpran este requisito.
b) Categoría paisaxe rural, para as iniciativas de intervención, mellora e posta en valor das paisaxes rurais produtivas de Galicia nas cales se integren os elementos e valores culturais e naturais co aproveitamento agrario.
c) Categoría proxectos de interese social, para as iniciativas orientadas á integración dos colectivos máis desfavorecidos, á inserción social ou ao coidado dos nosos maiores.
d) Categoría turismo, para as iniciativas que contribúan ao desenvolvemento económico potenciando a ampla riqueza dos recursos turísticos do medio rural de Galicia.
e) Categoría sector agrogandeiro, para as iniciativas desenvolvidas dentro dos sectores de gandaría, agricultura e/ou transformación agroalimentaria que aposten polo valor engadido na súa produción.
f) Categoría mulleres, para as iniciativas levadas a cabo por mulleres ou destinadas a elas no medio rural, desde unha óptica de igualdade e progreso, en que sexan fundamentais valores como o asociacionismo, a profesionalización e a innovación.
g) Categoría innovación tecnolóxica, para as iniciativas desenvoltas no rural galego que incorporen a innovación para obter un novo produto ou mellorar a calidade nos seus produtos ou servizos, para diminuír custos, para ofrecer unha maior gama de produtos ou servizos ou para ser máis rápidas na súa introdución no mercado.
h) Categoría recuperación e posta en valor da terra agraria, para as iniciativas que contribúan, directa ou indirectamente, a recuperar e poñer en valor terras que están infrautilizadas.
Cada un dos premios constará dun diploma e unha dotación en metálico de 10.000 €.
Cada iniciativa poderá presentarse só a unha categoría, para o cal debe marcar no modelo de solicitude (anexo II) o recadro correspondente á categoría a que opta.
Se a iniciativa fose susceptible de ser incluída en varias categorías, ou tivese un carácter transversal, deberá elixir unha delas para a clasificación do expediente para a súa análise e avaliación.
O prazo para presentar as solicitudes para participar en el premio será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, é dicir, ata o vindeiro 23 de febreiro de 2023.