O programa autonómico de impulso ao emprendemento feminino, Emega, permitiu nos últimos trece anos apoiar 1.480 proxectos e a creación de 2.084 empregos

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, puxo hoxe en valor o programa autonómico Emega, de impulso ao emprendemento feminino, nunha visita que realizou a Creativas Galegas, un proxecto formado por mulleres artesás e do eido cultural galego beneficiarias destas axudas.

Emega, con 27 anos de traxectoria, permitiu nos últimos trece anos, cun aumento no seu orzamento do 203 %, o apoio a 1.480 proxectos de emprendemento feminino, a creación de 2.084 empregos femininos novos e a consolidación doutros 648, todos eles de carácter indefinido. En total, 2.732 novos postos de traballo para mulleres.

Lorenzana explicou que este programa está cualificado como boa práctica pola Unión Europea e anunciou que para 2023 contará cun investimento de case 4 millóns de euros para conceder unhas 300 axudas distribuídas en catro liñas diferentes: Emprende, para aposta en marcha de iniciativas; Activa, para a reactivación, consolidación ou implantación de medidas innovadoras en empresas xa creadas; ITEF, para impulsar iniciativas de carácter tecnolóxico; e Concilia, complementaria ás tres anteriores, para apoiar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

A conselleira de Igualdade, para rematar, e tras felicitar a Creativas Galegas por contribuír ao crecemento de Galicia, sinalou que con iniciativas como Emega estase a incrementar e consolidar a presenza feminina no tecido empresarial galego, o que supón, nas súas palabras, “un gran avance colectivo e unha maior prosperidade para a comunidade galega en todo o seu conxunto”.