Programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) - 2026

- 10/02/2026
- 30/09/2026
-
Etapa
TR340E - Programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) - 2026
Data de publicación: 10/02/2026
Data inicio de solicitude: 1/02/2026
Data remate de solicitude: 30/09/2026
Obxecto
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar os incentivos ás empresas previamente cualificadas e inscritas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, coa finalidade de impulsar a creación de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.
As axudas destínanse a sufragar as accións e gastos establecidos en cada modalidade, que se produzan e realicen entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026, dentro do período dun ano desde o inicio da actividade da empresa, coas particularidades que se establecen na Orde.
Características da axuda
As empresas cualificadas como IEBT poderán solicitar as seguintes modalidades de axudas, dentro do primeiro ano de actividade:
a) Subvención á creación directa de emprego estable.
Os postos de traballo estables de carácter indefinido, incluídos os das propias persoas promotoras, creados nun centro de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia antes de transcorrer un ano desde a data de inicio da actividade e que sexan ocupados por persoas desempregadas, incentivarase cada un deles cunha contía base de 6.000 euros.
A contía base do incentivo será de 8.000 € por cada posto de traballo estable de carácter indefinido creado, cando a persoa desempregada se atope nalgún dos seguintes colectivos, que non serán acumulables:
a) Mulleres.
b) Persoas mozas.
c) Persoas de 52 ou máis anos.
d) Persoas desempregadas de longa duración.
e) Persoas con discapacidade.
f) Persoas emigrantes retornadas ou persoas estranxeiras.
g) Persoas que se atopen en situación ou risco de exclusión social.
Os postos de traballo estables incentivaranse cunha contía base de 10.000 euros cando se trate de persoas tituladas universitarias desempregadas.
A contía base será de 12.000 euros se son persoas desempregadas que posúan o título de doutor ou doutora.
As contías base poderán incrementarse nas porcentaxes que se sinalan a continuación, que son acumulables entre si:
a) Un 25 % se a persoa incorporada é unha muller, salvo que opten polo colectivo de muller sinalado na epígrafe a) anterior.
b) Un 25 % no caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.
c) Un 25 % no suposto de persoas maiores de 45 anos, salvo que opten polo colectivo de persoas maiores de 52 anos sinalado na epígrafe c) anterior.
d) Un 25 % se a persoa incorporada ten a condición de emigrante retornada ou persoa estranxeira, salvo que opten polo colectivo específico sinalado no epígrafe f) anterior.
e) Un 25 % se a persoa incorporada é trans.
No caso de que a IEBT estea constituída baixo a forma xurídica de cooperativa ou sociedade laboral, a axuda resultante nesta modalidade incrementarase nun 25 %.
Cando a dedicación sexa a tempo parcial, as contías destes incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria legal.
É requisito para poder ser beneficiaria desta subvención que o cadro de persoal, no mes en que se proceda á primeira contratación por conta allea estea constituído, como mínimo, nun 25 % por persoas con titulación universitaria.
Nos postos de traballo creados e polos cales se solicite subvención, deberá existir correspondencia entre a categoría da titulación académica que posúa a persoa contratada e a categoría profesional pola que se contrata.
Cando a contratación inicial se realice a tempo parcial e se transforme a tempo completo, a empresa poderá solicitar a diferenza entre a contía que se percibiu inicialmente e a que corresponde por dedicación a tempo completo, sempre que a dita modificación se produza dentro do primeiro ano de actividade e durante o período subvencionable.
Serán subvencionables os postos de traballo estables creados entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026 dentro do primeiro ano de actividade da empresa, sempre que permaneza vixente a contratación no momento da súa solicitude.
b) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.
Esta modalidade de axuda financiará parcialmente os gastos necesarios para o inicio e a posta en marcha da actividade. O importe máximo desta axuda determinarase en tención ao número de postos de traballo estables creados e subvencionados durante o primeiro ano de actividade, de acordo coa seguinte escala:
- 1 posto de traballo creado: ata 10.000 euros.
- 2 postos de traballo creados: ata 18.000 euros.
- A partir de 3 postos de traballo creados: ata 24.000 euros.
Esta axuda destinarase a sufragar os gastos realizados entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026 que se produzan antes de que transcorra un ano desde o inicio da súa actividade, e sexan efectivamente xustificados mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión e, en todo caso, ata o 30 de novembro de 2026.
Esta axuda destinarase a sufragar os gastos nos seguintes conceptos: honorarios de notaría e rexistro, compra de mercadorías e materias primas, arrendamento do local, de maquinaria e de equipamentos informáticos, gastos do seguro do local, publicidade, páxina web, posicionamento web e subministracións, excluído o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.
No caso de que a IEBT estea constituída baixo a forma xurídica de cooperativa ou sociedade laboral, a axuda resultante nesta modalidade incrementarase nun 25 %.
c) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.
Co obxecto de favorecer a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras concederase unha subvención do 75 % do custo dos servizos de gardaría ou das persoas coidadoras, ata un máximo de 3.000 euros, para aquelas persoas promotoras que teñan fillos ou fillas menores de 12 anos.
Co mesmo obxecto de favorecer a conciliación da vida familiar das persoas promotoras concederase unha subvención do 75 %, ata un máximo de 3.000 €, do custo do centro ou dos servizos de coidado de persoas maiores de 70 anos e/ou dependentes (graos I, II e III) ou con un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre que respecto das cales acredite a súa relación de parentesco e a acreditación da convivencia no mesmo domicilio, como mínimo, durante os tres meses anteriores á data da solicitude.
Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas promotoras que creen o seu propio posto de traballo estable e polos que se obtivese a subvención establecida, sexan titulares de familias monoparentais ou nas cales as dúas persoas cónxuxes realicen unha actividade laboral e estean dadas de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.
Serán subvencionables os gastos da gardaría e/ou das persoas coidadoras ou dos custos dos servizos en centros especializados, realizados entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026 que se produzan antes de que transcorra un ano desde o inicio da actividade.
As axudas por gardaría e por coidado das persoas maiores ou dependentes e persoas con discapacidade son compatibles entre si.
d) Apoio á función xerencial.
Para axudar á persoa promotora ou a empresarios e empresarias na toma de decisións necesarias para o bo funcionamento da empresa poderase financiar o apoio á función xerencial.
Este apoio poderá consistir nas seguintes modalidades:
a) Axuda para a formación da persoa promotora ou empresaria co fin de obter ou mellorar os seus coñecementos sobre a función xerencial.
b) Axuda pola realización externa de análises, estudos, informes ou outras formas de asesoramento sobre a actividade que realiza a IEBT, para que a persoa promotora ou empresaria poida dispoñer de mellor información sobre os bens ou servizos obxecto de produción.
Poderá ser obxecto desta modalidade de axuda o gasto orixinado, entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026, e realizado no primeiro ano de actividade empresarial. Este gasto deberá ser efectivamente xustificado mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión e, en todo caso, ata o 30 de novembro de 2026.
A contía do incentivo para o apoio á función xerencial, será do 75 % do custo dos servizos recibidos, cun límite máximo de 5.000 euros para a axuda á formación prevista na letra a), e cun límite de 10.000 euros polo conxunto das modalidades de apoio á función xerencial previstos.
No caso de que a IEBT estea constituída baixo a forma xurídica de cooperativa ou sociedade laboral, a axuda resultante nesta modalidade incrementarase nun 25 %.
Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas ou entidades beneficiarias as empresas privadas, incluídas as persoas autónomas, con domicilio social, fiscal e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT sempre que a maioría da titularidade da empresa corresponda ás persoas físicas promotoras do proxecto empresarial cualificado como IEBT e se cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta orde para cada modalidade de axuda.
Para poder acceder ás distintas modalidades de axudas desta orde deberase crear emprego estable para persoas desempregadas.