O DOG publica o calendario laboral para 2022 que terá como festivos propios os días das Letras Galegas e de San Xoán
O Decreto publicado establece 12 festas laborais na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.
A normativa estatal, fixada polo Real Decreto 2001/1983, establece as 14 festas anuais de ámbito nacional non recuperables, remuneradas e de carácter obrigatorio. Destes 14 festivos, dous son elixidos por cada concello. Dos outros 12 restantes, nove son de carácter obrigatorio e non substituíbles a non ser que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, Venres Santo (15 de abril en 2022), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro. No ano 2022 hai dous festivos nacionais que coinciden en domingo: o 1 de maio (día do Traballo), que se substitúe polo 17 de maio, día das Letras Galegas; e o 25 de decembro (Nadal), que se cambia polo día de San Xoán (24 de xuño).
Ademais, outros tres festivos de carácter nacional poden ser substituídos polas comunidades autónomas: o 6 de xaneiro, que nunca se cambia, agás que coincida en domingo; o Xoves Santo (que en 2022 se celebrará o 15 de abril), que Galicia non cambia tradicionalmente; e dáselle a opción ás comunidades entre o 19 de marzo e o 25 de xullo. Sempre se elixe o 25 de xullo, xa que é o Día Nacional de Galicia, tal e como quedou establecido polo Decreto 8/1978, do 10 de xullo.
As festas laborais na Comunidade Autónoma de Galicia serán as seguintes:
1 de xaneiro Aninovo
6 de xaneiro Epifanía do Señor (Día de Reis)
14 de abril Xoves Santo
15 de abril Venres Santo
17 de maio Día das Letras Galegas
24 de xuño San Xoán
25 de xullo Día Nacional de Galicia
15 de agosto Asunción da Virxe
12 de outubro Festa Nacional de España
1 de novembro Todos os Santos
6 de decembro Día da Constitución Española
8 de decembro Inmaculada Concepción