A Xunta convoca o programa Talento 30 dirixido a impulsar contratos de formación en empresas para persoas mozas desempregadas
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a convocatoria do novo programa Talento 30, co que a Xunta incentivará a contratación de menores de 30 anos sen emprego por parte de empresas, persoas traballadoras autónomas, sociedades civís e comunidades de bens con contías que poderán superar os 20.000€ por persoa.
O programa conta cun orzamento de 12,2 millóns de euros para os anos 22 e 23, que se destinarán a apoiar a empregabilidade da mocidade mediante contratos formativos de doce meses de duración.
Talento 30 é tamén un programa mixto, que ademais de impulsar con apoios económicos a contratación a tempo completo, ofrece formación de 80 horas aos seus beneficiarios en competencias brandas, unha combinación de habilidades sociais e de comunicación, actitudes, intelixencia social e emocional, hoxe moi demandadas polo mercado laboral.
Con esta nova actuación, a Xunta quere contribuír a reter o talento mozo en Galicia e a apoiar un dos colectivos prioritarios nas súas políticas activas de emprego, o das persoas mozas. Para atender as súas necesidades cara á mellorar a súa empregabilidade, deseñáronse dúas liñas de axuda: a primeira, Talento 30 en prácticas, para contratos subscritos a mozas e mozos con titulación ou certificación profesional; e a segunda, Talento 30 Formación en alternancia, para brindar unha oportunidade tamén ás rapazas e rapaces que carezan de cualificación profesional recoñecida.
En ambos os dous casos, os contratos formativos que se concerten diríxense a menores de 30 anos que residan na comunidade autónoma de Galicia e que se atopen en situación de desemprego e inscritos no Servizo Público de Emprego.
A Xunta pretende chegar con este programa a entre 600 e 900 persoas mozas desempregadas, algo que dependerá do grupo de cotización ao que pertenzan cada una delas. Coas axudas dáse cobertura aos custos salariais dos postos, con contías que van dos 13.575 euros ata un máximo de 20.225 segundo ese criterio.
O programa forma parte do Plan Emprega Xuventude, unha firme aposta da Xunta de Galicia polo emprego xuvenil, dotado con 51,8 millóns de euros, e con políticas de emprego deseñadas especificamente para este sector de poboación. No marco do mesmo, ademais desta iniciativa novidosa, enmárcanse outras dúas xa abertas como o programa Primeira experiencia profesional nas administracións (11,2M€), e o Investigo (13,1 millóns de euros), cos que se pretende brindar unha primeira oportunidade laboral aos máis novos e impulsar as vocacións científicas.
O prazo de solicitude para que as entidades interesadas accedan ao programa permanecerá aberto ata o próximo 30 de setembro.