A Xunta publica a ampliación ata os 11 M€ da dotación da liña Xempre Emprendemento
O Diario Oficial de Galicia publica a ampliación de crédito de máis de 8,2 millóns de euros aprobada polo Goberno galego para dotar con máis cartos a nova liña de apoios Xempre Emprendemento coa que o Goberno galego quere axudar a pemes, persoas traballadoras autónomas e ás entidades de economía social (sociedades cooperativas e laborais) a financiar gastos derivados da adquisición de equipamento informático, mobiliario, reforma de locais ou de eficiencia enerxética para facer fronte ao actual contexto socioeconómico.
O orzamento final do programa convocado por primeira vez o pasado mes de setembro superará os 11 millóns de euros. Coa ampliación de hoxe, cuadruplícase o investimento inicial que era de 2,8 millóns para poder dar resposta ao maior número de solicitantes ante o interese espertado, con 1.448 peticións contabilizadas.
O programa Xempre Emprendemento diríxese a persoas traballadoras autónomas, pequenas e medianas empresas e sociedades cooperativas e laborais que teñan iniciada a súa actividade desde o 1 de xaneiro de 2020 (ou máis tarde) e permanezan en activo.
As achegas permiten financiar investimentos realizados entre o 1 de xaneiro de 2022 ata a data da solicitude e debidamente xustificados mediante factura. A Xunta de Galicia apoia así as adquisicións de equipamento informático, melloras da eficiencia enerxética, adquisición de mobiliario, reforma e/ou habilitación de locais ou adquisición de equipos de segunda man para o negocio, entre outros.
Os pagamentos van en función da intensidade do investimento realizado e oscilarán entre un mínimo de 3.000 euros para a mínima inversión financiable (de 5.000 euros) ata os 30.000 euros para a máxima (100.000 euros).
Con esta medida, o Goberno galego quere seguir a impulsar o emprendemento e a consolidar a súa actividade a pesares da conxuntura económica, contribuíndo ao incremento da súa competitividade e ao mantemento de empregos de calidade.
A nova liña de apoios Xempre Emprendemento insírese na estratexia Xempre Contigo da área de Promoción do Emprego e Igualdade e avoga pola visibilización das fortalezas do emprendemento como fórmula de éxito en Galicia.