A Xunta abre dúas liñas de axuda para apoiar o tecido empresarial en proxectos de economía circular e con préstamos directos

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, informou da convocatoria de dúas liñas de axudas para apoiar o tecido empresarial galego en proxectos de economía circular e con préstamos directos.

Durante a súa participación nunha xornada de networking en colaboración coa Asociación de Empresarios do Barco de Valdeorras, Conde explicou que a primeira destas liñas de apoios, para promover procesos e consumos máis eficientes entre pemes e autónomos, suma 1,5 millóns de euros e está aberta desde este mes. Achega axudas máximas de ata 200.000 euros para proxectos colectivos e de 75.000 euros para iniciativas individuais.

Por outra banda, a segunda liña son préstamos directos que suman 18M€ e que, desde este mes, a Xunta pon á disposición de pemes, persoas autónomas, centros tecnolóxicos, fundacións e organizacións empresariais. Teñen como obxectivo financiar investimentos estratéxicos e tamén axudar á industria fronte ao incremento do custo das materias primas e a enerxía.