A Xunta reedita en 2024 os programas Mentoring Traballo Autónomo e Galicia Camiño Emprendedor para impulsar a consolidación de empresas e negocios

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada do secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou hoxe en Ourense na presentación das novas edicións dos programas Mentoring Traballo Autónomo e Galicia Camiño Emprendedor cos que a Xunta busca, entre outros, impulsar a consolidación de empresas e negocios.

A primeira das iniciativas desenvólvese en colaboración coa Fundación Ronsel desde o ano 2020 para reducir os riscos na actividade profesional das persoas traballadoras autónomas, acompañalas na adaptación ou transformación dos seus negocios ás necesidades de mercado e á situación actual, e contribuír, mediante melloras nas áreas de xestión e outras, ao incremento dos seus contactos profesionais e da súa actividade económica, así como das condicións de traballo asociadas para acadar un maior benestar laboral.

A edición 2023 da iniciativa acaba de rematar coa participaron de 214 persoas autónomas: principalmente mulleres (70%) con estudos universitarios ou de mestrado e dun tramo de idade comprendido entre os 30 aos 49 anos.

O prazo de inscrición para optar a unha das 200 prazas do programa en 2024 abrirase o vindeiro mes de marzo ata esgotar a oferta.

Poderán participar, estando de alta como persoa traballadora autónoma, aquelas que leven como mínimo 42 meses de actividade económica e teñan o seu domicilio fiscal en Galicia. Terán prioridade aquelas persoas traballadoras autónomas que teñan persoal contratado ao seu cargo.

“Na Xunta pensamos que este programa está a axudar ás persoas traballadoras autónomas porque lles garante un acompañamento no proceso de consolidación dos seus negocios, permitíndolles incrementar os seus contactos profesionais, así como a súa actividade económica”, indicou Rivo.

Pola súa banda, Galicia Camiño Emprendedor realízase tamén en colaboración coa Fundación Ronsel e, ademais, coa Axencia Turismo de Galicia. Con esta acción, búscase facilitar a xeración de contactos profesionais entre os participantes e promocionar Galicia e o Camiño de Santiago como destino de ocio e actividade económica.

O prazo de solicitude abrirase o vindeiro luns 12 de febreiro na páxina web da Oficina do Autónomo, no apartado de programas, programa Galicia Camiño Empendedor - 2024.

Rivo puxo en valor a metodoloxía empregada nos dous programas, que se basea na relación de confianza entre o titor e a persoa acompañada. En palabras de Rivo, é unha fórmula que se defende desde a Xunta para desenvolver o potencial das persoas participantes e para xerar un mercado laboral máis forte.

“Traballamos por unha Galicia con máis e mellores oportunidades laborais e, por iso, deseñamos políticas activas de emprego transversais: para os autónomos e emprendedores, pero tamén para as pequenas e medianas empresas e para a economía social”, rematou.