A Xunta de Galicia pon en marcha unha nova edición dos bonos Activa Comercio
O Diario Oficial de Galicia ven de publicar as bases para as persoas usuarias co fin de que poidan descargar os bonos a partir do mércores 27 de maio.
Ademais, como principal novidade desta convocatoria, organizarase un sorteo complementario nas redes sociais da Xunta que permitirá ás persoas usuarias dos bonos optar a catro premios adicionais de 250 euros para gastar nun ou varios comercios adheridos á campaña. Esta acción contribuirá a poñer en valor a experiencia de compra nos establecementos e a reforzar a fidelización da clientela.
En total, o Goberno galego ten previsto destinar inicialmente 5 M€ en 2026 a esta campaña. Ao igual que en 2025, este ano a adhesión dos establecementos —aberta desde o 27 de marzo e que suma xa 4.470 negocios— realizarase nun único procedemento para todas as edicións, avanzando así na simplificación administrativa. O éxito das edicións anteriores avala a continuidade desta medida, que o ano pasado conseguiu mobilizar máis de 22,3 M€ en máis de 7.400 establecementos de proximidade, superándose xa os “122 M€ en vendas xeradas desde a primeira edición en 2021”.
A partir do 27 de maio ás 9,00 horas, as persoas consumidoras interesadas poderán “descargar un bono desconto de ata 30 euros por beneficiario” para empregalo directamente na adquisición de produtos nos comercios adheridos, que poderán seguir sumándose á campaña ata o esgotamento do crédito da convocatoria. Os bonos están pensados para fomentar o consumo no momento da compra, favorecendo así a dinamización inmediata do comercio local.
Os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalles un desconto de 5 euros, mentres que nas compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros o desconto será de 10 euros. A partir desta contía, o desconto alcanzará os 15 euros. Como en anteriores ocasións, cada persoa poderá descargar un único bono nesta primeira edición. Non hai límite de usuarios pero unha vez esgotado o crédito total de 2,5 M€, os bonos descargados xa non se poderán utilizar, mesmo aínda que non se teñan consumido na súa totalidade. Ademais, co fin de incrementar as vendas, establécese a incompatibilidade dos bonos Activa Comercio con calquera outra axuda destinada á mesma actuación subvencionable dentro dunha mesma compra.
Como elemento de dinamización da campaña deste ano, habilítase un sorteo a través das contas oficiais da Xunta en TikTok e Instagram, dirixido ás persoas usuarias dos bonos Activa Comercio que realicen compras no marco do programa, co obxectivo de contribuír a dar maior visibilidade ao comercio local.
O sorteo consistirá na adxudicación de catro bonos adicionais por importe de 250 euros cada un, en formato dixital mediante código QR, que poderán utilizarse nos establecementos adheridos cun prazo de validez dunha semana. A participación estará vinculada á realización dunha compra con bono nun comercio adherido e á interacción coas publicacións oficiais da campaña nas redes sociais, segundo as condicións establecidas na convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia.
Os bonos Activa Comercio son unha das medidas previstas no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 para revitalizar os establecementos de proximidade, incrementar a competitividade do sector e incentivar o consumo local. Esta iniciativa súmase, entre outras actuacións, aos apoios destinados á transformación dixital e modernización do sector comercial e artesanal (4 M€), á potenciación das prazas de abastos como Mercados Excelentes (preto de 2,3 M€) e ás accións de dinamización dos centros comerciais abertos (2,5 M€).
