A Xunta pon de relevo os 10 anos que cumpre o programa ‘Galicia Camiño Emprendedor’ co gallo de darlle un pulo ao traballo por conta propia
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, percorreu parte da última etapa da edición de 2025 do programa da Xunta Galicia Camiño Emprendedor, que concluíu cun acto en Santiago de Compostela para conmemorar o décimo aniversario desta iniciativa que combina mentorización para persoas emprendedoras cunha experiencia compartida no Camiño de Santiago, ao tempo que contribúe á promoción de Galicia e da Ruta Xacobea como destino de lecer e actividade económica. Na recepción tamén participou o director da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa.
Fernández destacou que o programa —impulsado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en colaboración con Turismo de Galicia e coa Fundación Ronsel— se basea na metodoloxía da mentorización, fundamentada na relación de confianza entre a persoa mentora e a emprendedora. Trátase dunha fórmula pola que aposta o Goberno galego para desenvolver o potencial de cada participante, facilitando o acompañamento continuo, o intercambio de coñecemento e a creación de redes de contacto profesional que favorezan o fortalecemento e crecemento dos proxectos.
O secretario xeral aproveitou para salientar que a Xunta continuará reforzando programas como Galicia Camiño Emprendedor no marco da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio, da que se veñen de presentar as liñas mestras no I Congreso Ultreia Galicia co gallo de buscar as achegas do sector, ao tempo que se promoveu unha rede de fomento do emprendemento que se baseará na colaboración público-privada co obxectivo de que calquera persoa, en calquera parte de Galicia, poida acceder á formación, acompañamento ou ao financiamento necesario para o seu proxecto.
Ao abeiro desa futura Estratexia, o representante autonómico resaltou que se seguirá impulsando tamén a Rede de polos de emprendemento, que leva atendido nas 15 oficinas da Comunidade arredor de 5.300 iniciativas empresariais. Por sectores, predominan os servizos (17 %), seguidos do comercio (16 %) e da hostalaría (15 %). Coas persoas que acudiron á Rede (58 % mulleres e 42 % homes) realizáronse máis de 15.600 titorías, tanto de xeito presencial como telemáticas.
Canto ás convocatorias de apoio, Pablo Fernández puxo de relevo a orde unificada de axudas ao colectivo autónomo que se reeditará o vindeiro ano cunha dotación próxima aos 41 millóns de euros, que —como novidades— elevará o Bono Remuda ata os 1,5 millóns de euros e estenderá a cota cero para novas altas ata os 24 meses para quen se inicie en calquera sector asociado á agricultura, á gandaría e á silvicultura, co fin de dinamizar e fixar poboación no rural.
