Axudas á conciliación da vida familiar e laboral, por redución da xornada de traballo, como medida de fomento da conciliación e corresponsabilidade - 2020


  • 12/06/2020
  • 13/07/2020
Accede dende aquí

SI440A - Axudas á conciliación da vida familiar e laboral, por redución de xornada de traballo, como medida de fomento da conciliación e corresponsabilidade - 2020

Data de publicación: 12 de xuño de 2020

Data inicio de solicitude: 13 de xuño de 2020

Data remate de solicitude: 13 de xullo de 2020

Obxecto

As bases teñen por obxecto convocar as axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para as persoas traballadoras e as familias monoparentais que, entre o 1 de xullo de 2019 e o 30 de xuño de 2020, ambos os dous inclusive, teñan unha situación de redución da súa xornada de traballo para o coidado de fillos e fillas, sempre que se cumpran os requisitos e condicións establecidos.

Características da axuda

As accións que son subvencionables son as seguintes:

A redución da xornada de traballo para o coidado dunha filla ou dun fillo menor de tres anos, ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %. A redución de xornada terá que ser de polo menos o 12,5 % da xornada ou porcentaxe equivalente para o caso de que a xornada sexa a tempo parcial.

Así mesmo, poderán acollerse a esta axuda as persoas traballadoras que, cumprindo os requisitos establecidos neste artigo, adopten unha persoa menor ou a teñan en situación de acollemento familiar, nas modalidades de acollemento familiar permanente ou acollemento familiar preadoptivo. Nestes supostos, para ter dereito á axuda non poderán ter transcorrido tres anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola cal se constitúe a adopción. En calquera caso, a filla ou fillo por quen se solicita a axuda terá que ser menor de 12 anos.

O período máximo subvencionable, continuado ou fraccionado, será de oito meses (8) comprendidos entre o 1 de xullo de 2019 e o 30 de xuño de 2020, ambos os dous inclusive. Para ter dereito á axuda deberá manterse a situación de redución de xornada durante un mínimo de 60 días naturais ininterrompidos. Excepcionalmente, debido a causas xustificadas debidamente acreditadas derivadas da situación de crise sanitaria polo COVID-19 e da declaración do estado de alarma, no cómputo do período mínimo de 60 días naturais ininterrompidos non se terá en conta o tempo de suspensión do contrato de traballo como consecuencia dun expediente de regulación de emprego que teña a súa causa na declaración do estado de alarma.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as persoas físicas, que no período comprendido entre o 1 de xullo de 2019 e o 30 de xuño de 2020, ambos os dous inclusive, se acollan á medida de redución de xornada para o coidado dun fillo ou filla menor de tres anos, ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %, e que reúnan os seguintes requisitos:

a) No caso de unidades familiares non monoparentais, poderán ser beneficiarios os homes que se acollan á redución de xornada segundo o establecido no artigo 6 desta resolución e sexan traballadores por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario.

b) No caso de unidades familiares monoparentais, poderá ser beneficiaria a persoa, home ou muller, que se acolla á redución de xornada segundo o establecido no artigo 6 desta resolución e sexa traballadora por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario.

Para os efectos destas axudas, entenderase por familia monoparental, segundo o artigo 13 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, o núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa cal manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou as fillas menores ao seu cargo.

2. Para obter a condición de beneficiarias, as persoas solicitantes deberán cumprir todos os requisitos, condicións e obrigas establecidos nesta convocatoria e na normativa xeral de subvencións, en particular os seguintes:

a) Estar empadroadas en calquera concello da Comunidade Autónoma galega, como mínimo, desde o 1 de xaneiro de 2019 e manter esta condición durante todo o período subvencionable.

b) Convivir coa filla ou o fillo durante o período subvencionable. Nos casos nos que exista un acordo de custodia compartida, computarase o tempo de convivencia e o cálculo do período obxecto da subvención en proporción, segundo os termos do citado acordo.

c) No caso de familias non monoparentais, o cónxuxe ou parella deberá ser unha persoa traballadora por conta allea ou ben autónoma e manter esa situación durante todo o período subvencionado. Entenderase cumprido este requisito cando, existindo períodos  non traballados, a suma destes non supere o 5 % do período subvencionado, sexa este continuado ou fraccionado. Excepcionalmente, debido a causas xustificadas debidamente acreditadas derivadas da situación de crise sanitaria polo COVID-19 e da declaración do estado de alarma, no cómputo dos períodos non traballados non se terá en conta o tempo de suspensión do contrato de traballo como consecuencia dun expediente de regulación temporal de emprego que teña a súa causa na declaración do estado de alarma.

d) Os ingresos da unidade familiar non poderán ser superiores a 7 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) para o ano 2019.


Publicación Boletín Ficha sede

Válido dende: 
venres, 12 Xuño, 2020
Válido ate: 
luns, 13 Xullo, 2020