Subvencións para accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas - 2024


  • 08/01/2024
  • 30/09/2024

TR301P - Subvencións para accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas - 2024

Data de publicación: 08/01/2024

Data de inicio solicitude: 09/01/2024

Data de remate solicitude: 30/09/2024

Infografía explicativa

Obxecto

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases reguladoras e a segunda convocatoria de subvencións de accións formativas para o emprego en unidades formativas das empresas con compromiso de contratación para o exercicio 2024.

Enténdese por unidade formativa da empresa, a formación con compromiso de contratación impartida con medios propios da beneficiaria, ou a través dunha entidade contratada, que teña por obxecto a realización das accións formativas solicitadas e relacionadas coa súa actividade empresarial e estea dirixida á adquisición e mellora das competencias e capacidades profesionais necesarias para o desempeño dos postos de traballo obxecto da contratación.

Características da axuda

As beneficiarias deberán dispor, ben por si mesmas ou mediante acordo cunha entidade de formación, do equipamento e instalacións no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para a impartición das especialidades formativas solicitadas no seu programa formativo, así como dos recursos humanos requiridos de acordo coa normativa reguladora.

As empresas beneficiarias desenvolverán as accións formativas utilizando os medios de execución propios ou contratados establecidos no artigo 20 da Orde de bases do 13 de xuño de 2023.

Serán subvencionables as accións formativas para o emprego con compromiso de contratación na Comunidade Autónoma de Galicia, que garden relación coa actividade empresarial das entidades solicitantes e estean incluídas no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal no marco do Sistema de formación para o emprego no ámbito laboral.

Poderán solicitarse especialidades formativas non conducentes á obtención de certificados de profesionalidade incluídas no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal. De non existiren, por non estaren dadas de alta no catálogo, especialidades formativas que respondan ás necesidades específicas de formación, as empresas poderán solicitar impartir especialidades que, no momento de presentar a solicitude de subvención, non estean incluídas nel.

Cada acción formativa incluirá un compromiso de contratación dun mínimo do 60 % do alumnado aprobado e/ou formado, en contratos cunha duración mínima de 6 meses, ou dun mínimo do 40 % se a contratación é por un período igual ou superior aos 12 meses, arredondado, en ambos os casos, ao enteiro superior se a primeira cifra decimal é igual ou superior a 5.

Non se poderán combinar ambos tipos de contratos nunha mesma acción formativa. A contratación comprometida realizarase no prazo de dous meses desde o remate da acción formativa.

As accións formativas obxecto de financiamento dirixiranse ás persoas traballadoras desempregadas. Para tal efecto, a consideración de persoa desempregada virá determinada pola súa inscrición como demandante no Servizo Público de Emprego de Galicia e a súa situación laboral como non ocupada, na data da súa incorporación á acción formativa. Non será precisa a inscrición como demandante de emprego no suposto de persoas mozas inscritas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil.

O número máximo de participantes por acción formativa, nos casos en que as instalacións cumpran os requisitos que posibiliten esta capacidade e a especialidade formativa o permita, será de 15 persoas. O número mínimo de participantes estará determinado polo que, de ser o caso, estableza o programa formativo da especialidade que se vai impartir.

A data límite para o remate das accións formativas será o 29 de novembro de 2024.

Unha vez ditada e notificada a resolución de concesión as entidades poderán solicitar o pagamento dun anticipo con carácter previo ao inicio da actividade por un importe máximo do 25 % da subvención concedida.

Unha vez acreditado o inicio da acción formativa, a beneficiaria poderá solicitar o pagamento dun segundo anticipo de ata o 35 % adicional. Este 35 % adicional calcularase sobre o importe global concedido para a acción formativa concreta a que se refira.

No caso de non existir a solicitude de anticipo do 25 % previa ao comezo da actividade e unha vez acreditado o inicio da acción formativa, poderase solicitar de maneira conxunta un anticipo de ata o máximo do 60 % do importe concedido.

O resto do importe concedido farase efectivo, unha vez finalizada e xustificada a realización de toda a actividade formativa do expediente subvencionado.

Persoas beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, e as agrupacións temporais de empresas que presenten solicitude conxunta, mediante un convenio que acredite a correspondente agrupación, que adquiran, no marco da actividade subvencionada, o compromiso de contratación das persoas traballadoras aprobadas e/ou formadas ao que se refire esta orde.

Entenderase por agrupación temporal de empresas, cando distintas empresas pertencentes a un sector ou actividade acrediten a correspondente agrupación mediante un acordo ou convenio entre elas. Todas as empresas agrupadas deberán cumprir todos os requisitos da convocatoria para seren beneficiarias.

E poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións as empresas que sexan entidades de formación e que sexan titulares de centros ou entidades de formación inscritos para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral da Comunidade Autónoma de Galicia naquelas especialidades formativas para as cales soliciten subvención.

Válido dende: 
luns, 8 Xaneiro, 2024
Válido ate: 
luns, 30 Setembro, 2024