Axudas para a contratación de xestores de internacionalización - 2024
- 09/01/2024
- 09/07/2024
-
Etapa
IG638A - Axudas para a contratación de xestores de internacionalización - 2024
Data de publicación: 09/01/2024
Data de inicio solicitude: 10/01/2024
Data de remate solicitude: 09/07/2024
Obxecto
Esta Resolución ten por obxecto publicar as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para facilitar a adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización e a incorporación ou reinserción ao mercado laboral de profesionais no ámbito do comercio exterior –dando prioridade aos mozos sen ou con pouca experiencia e aos sénior experimentados maiores de 45 anos en situación de desemprego–, ao mesmo tempo que se apoia as pemes galegas no seu proceso de internacionalización poñendo á disposición delas información sobre profesionais con formación especializada e unha subvención a fondo perdido para a súa contratación.
Características da axuda
Será subvencionable o salario bruto por conta allea a tempo completo de xestores de internacionalización, baixo calquera das modalidades previstas na lexislación laboral vixente no momento da contratación, acordes coa finalidade de axuda, excepto contratos de alta dirección.
As persoas solicitantes que o desexen teñen ao seu dispor a bolsa de xestores de internacionalización do Igape, da que forman parte profesionais co perfil e formación orientados á internacionalización empresarial. Esta bolsa de xestores de internacionalización está aberta, indefinidamente, a novas incorporacións de persoal que reúna os requisitos exixidos.
Se a persoa beneficiaria da axuda contrata un xestor que non pertenza á citada bolsa, o xestor deberase dar de alta nela na fase de acreditación da contratación. En todo caso, o xestor debe contar coas condicións requiridas para pertencer á citada bolsa, na data de contratación.
Exceptúase a necesidade de pertenza do xestor contratado á dita bolsa, no caso de que estea en posesión dun certificado de profesionalidade en comercio exterior ou comercio internacional.
A solicitude de axuda virá referida ao desenvolvemento dun proxecto de comercio exterior e se a persoa solicitante ten previsto desenvolver máis dun proxecto, pode solicitar ata un máximo de dous xestores.
Os contratos laborais subvencionables deben ser indefinidos ou temporais por un período mínimo de duración de 6 meses.
O período máximo subvencionable do proxecto de comercio exterior será o reflectido na resolución de concesión.
O período de contratación subvencionable será o establecido na resolución de concesión de axuda, sen que poida ser inferior a seis meses nin superior aos dezaoito meses.
O custo subvencionable estableceuse como un baremo estándar de custo unitario. Para determinar o seu importe tomouse como referencia o salario medio do sector do comercio en Galicia para o ano 2021 que, segundo os datos da AEAT que constan no IGE, ascendería a 19.238 €/ano (1.603,16 €/mes con rateo de pagas extra, sen incluír os custos extrasalariais).
A contía da axuda calcúlase aplicando as seguintes porcentaxes sobre o custo subvencionable:
a) 85 % no caso de mozas e mozos profesionais nacidos a partir do 1 de xaneiro de 1989.
b) 90 % no caso de mozas e mozos inscritos no Sistema nacional de garantía xuvenil e de profesionais sénior en paro de difícil reinserción laboral de idade igual ou superior a 45 anos (nacidos antes do 1 de xaneiro de 1979).
c) 80 % no caso de profesionais nacidos despois do 1 de xaneiro de 1979 e antes do 1 de xaneiro de 1989 e de profesionais sénior en activo de idade igual ou superior a 45 anos (nacidos antes do 1 de xaneiro de 1979).
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas que teñan o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia e que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento núm. 651/2014, da Comisión, incluídas as pemes con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos, e que teñan como proxecto iniciar ou consolidar o seu proceso de internacionalización.
As empresas terán que dispor do informe de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización realizado a través de programas de Igape a partir de 2013. De non dispor do citado informe de alta, debe solicitalo a través da oficina virtual do Igape dentro do prazo de presentación de solicitudes.
As persoas solicitantes deberán ter, polo menos, un centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia e acreditarán ter un proxecto de internacionalización para o que se require contratar profesionais en comercio exterior.