Axudas á contratación para a creación e ampliación do cadro de persoal de pequenas, medianas empresas e microempresas (PEL-PEMES Creación e ampliación) - 2024


  • 19/01/2024
  • 22/02/2024

BDNS 739452 - Axudas á contratación para a creación e ampliación do cadro de persoal de pequenas, medianas empresas e microempresas (PEL-PEMES Creación e ampliación) - 2024

Data de publicación: 19/01/2024

Data de inicio solicitude: 22/01/2024

Data de remate solicitude: 22/02/2024

Obxecto

Esta Resolución ten por obxecto publicar as bases e a convocatoria das axudas á contratación para a creación e ampliación do cadro de persoal de pequenas, medianas empresas e microempresas.

A finalidade destas axudas á contratación é apoiar ás pequenas, medianas empresas, microempresas e persoas autónomas dos concellos da provincia da Coruña con poboación inferior a 20.000 habitantes para a contratación laboral dun/dunha traballador/a.

Características da axuda

Subvencionaranse os custes salariais e de seguridade social da contratación dun/dunha traballador/a a xornada completa ou parcial durante un período máximo de 12 meses dentro da anualidade 2024.

Os gastos subvencionables comprenden os soldos e salarios, as cotas empresariais á Seguridade Social, así como outros gastos sociais relativos á prestación por Incapacidade Temporal (IT) e os derivados das situacións de permiso de maternidade/paternidade a cargo do empresario/a.

Cada empresa poderá solicitar a subvención para a contratación dun/unha traballador/a durante un período de 12 meses, durante os cales a subvención cubrirá como máximo o 70% dos custos salariais e de seguridade social da persoa traballadora.

O contrato poderá ter unha duración superior a 12 meses, pero a subvención cubrirá unicamente os custos correspondentes aos meses do contrato incluídos dentro da anualidade 2024.

Aínda no caso dunha contratación realizada na segunda metade do ano 2024, o contrato de traballo deberá formalizarse por unha duración mínima de 6 meses, sendo subvencionables unicamente os gastos de 2024.

As entidades poderán presentar un orzamento estimado mínimo de gasto de 1.428,58 € e un máximo de 21.428,58 €, do cal poderán solicitar, como máximo, o 70%..

A contía máxima da subvención a conceder será o 70% do orzamento de gastos co límite de 15.000,00 € para as contratacións a xornada completa ou a parte proporcional correspondente naquelas contratacións realizadas a tempo parcial.

Persoas beneficiarias

Estas axudas van dirixidas a pequenas, medianas empresas, microempresas e persoas autónomas, promotoras de iniciativas empresariais que estean desenvolvendo unha actividade con ánimo de lucro e reúnan os seguintes requisitos con anterioridade á data de finalización do prazo de presentación das solicitudes da axuda:

- Ter o domicilio fiscal e como mínimo un centro de traballo nun concello da provincia da Coruña con poboación inferior a 20.000 habitantes conforme os datos máis recentes dispoñibles no Instituto Galego de Estatística e segundo o recollido no Certificado de situación censual da Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT). Poderán ser subvencionados aqueles solicitantes que non dispoñan de centro de traballo sempre que conste no Certificado de Situación Censual que a actividade se desenvolve fora dun local determinado ou non conste onde se desenvolve.

- No caso de persoas autónomas, estar dado de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou como mutualista de colexio profesional á data de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

- No caso de persoas xurídicas, estar inscritos no Rexistro mercantil ou no Rexistro público correspondente.

- Estar dado de alta nalgunha actividade empresarial e constar recollida no Certificado de Situación Censual da Axencia Estatal da Administración Tributaria.

Válido dende: 
venres, 19 Xaneiro, 2024
Válido ate: 
xoves, 22 Febreiro, 2024