Subvención para o financiamento do Programa investigo - 2025
- 28/01/2025
- 03/03/2025
-
Etapa
TR349V - Subvención para o financiamento do Programa investigo
Data de publicación: 28/01/2025
Data inicio de solicitude: 04/02/2025
Data remate de solicitude: 03/03/2025
Obxecto
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar subvencións públicas, destinadas ao financiamento da contratación de persoas mozas, de 16 ou máis anos e que non fixesen os 30 anos no momento de comezar a relación contractual, por parte de persoas empregadoras ou empresas que estean a investir na realización de iniciativas de investigación e innovación recollidas nesta norma, así como polos centros privados de I+D+i, sen ánimo de lucro e con persoalidade xurídica propia, que teñan definida, nos seus estatutos ou no seu obxecto social ou normativa que os regule, a I+D+i como actividade principal.
Características da axuda
A actividade subvencionada consistirá na contratación de persoas mozas na modalidade de contrato indefinido, para o desenvolvemento e a execución das funcións, tarefas e iniciativas de investigación e innovación, que sexan competencia das entidades beneficiarias dentro do Programa Investigo.
As actividades de investigación e innovación que realice o persoal contratado deberán desenvolverse en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia.
As subvencións para a contratación destinaranse ao financiamento dos custos laborais e salariais, incluíndo os gastos de cotización por todos os conceptos á Seguridade Social, das persoas mozas que sexan contratadas para o desenvolvemento e execución das iniciativas de investigación e innovación do Programa Investigo.
Non se poderán contratar persoas mozas que tivesen desempeñado nos 6 meses inmediatamente anteriores á data da solicitude desta axuda, calquera tipo de posto na mesma empresa ou grupo de empresas. Tampouco se poderán contratar ao abeiro desta convocatoria de axudas as persoas mozas cuxos contratos foron subvencionados ao abeiro do Programa Investigo nas convocatorias dos anos 2022, 2023 e 2024.
A modalidade contractual que se vai utilizar será o contrato indefinido. Quedan excluídos os contratos fixos-descontinuos.
O período subvencionado será de 12 meses e a xornada de traballo será a tempo completo.
Os custos laborais incluirán os custos salariais, incluíndo os gastos de cotización por todos os conceptos á Seguridade Social.
A concesión das subvencións, así como a súa xustificación, realizarase a través do réxime de módulos. Para implementar o devandito réxime de módulos establécense os seguintes módulos, configurados considerando o custo unitario validado pola Intervención Xeral do Estado para este programa, por persoa contratada participante no Programa Investigo:
- Modulo A: o módulo ascenderá a 22.405,92 euros por persoa contratada e ano de contratación (1.867,16 euros por mes), no caso de contratos nos grupos de cotización da Seguridade Social 9 a 5, ambos incluídos.
- Módulo B: o módulo ascenderá a 33.108,84 euros por persoa contratada e ano de contratación (2.759,07 euros por mes), no caso de contratos nos grupos de cotización da Seguridade Social 4 a 1, ambos incluídos.
- De acordo con iso, o importe desta subvención calcularase en función das previsións recollidas no proxecto: número de persoas que se van contratar, e meses de contratación de cada unha delas e o módulo segundo o grupo de cotización da Seguridade Social que corresponda, de acordo co sinalado anteriormente.
As subvencións reguladas nesta orde serán incompatibles con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entidade, pública ou privada.
O número máximo de contratos que se van subvencionar e, polo tanto, solicitar por entidade ou persoa empregadora, establécese en 3.
Persoas beneficiarias
Poderán ter a condición de entidades beneficiarias da subvención:
a) As persoas empregadoras e empresas pertencentes ao sector privado radicadas en Galicia que estean a investir na realización de iniciativas de investigación e innovación, incluídas as empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica atendendo ao previsto no Decreto 56/2007, do 15 de marzo, polo que se establece un programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT).
b) Os centros privados de I+D+i, sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia, que teñan definida, nos seus estatutos ou no seu obxecto social ou normativa que os regule, a I+D+i como actividade principal.