Subvencións para apoiar iniciativas de emprendemento - 2026

- 30/01/2026
- 02/03/2026
-
Etapa
TR880A- Subvencións para apoiar iniciativas de emprendemento - 2026
Data de publicación: 30/01/2026
Data inicio de solicitude: 31/01/2026
Data remate de solicitude: 02/03/2026
Obxecto
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas de apoio ao emprendemento para as persoas traballadoras autónomas e pequenas e medianas empresas, incluídas as cooperativas e sociedades laborais, que se atopen de alta e iniciasen a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2024 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
A finalidade é facilitar as iniciativas de emprendemento, contribuíndo ao incremento da súa actividade económica e á súa competitividade e, en definitiva, mantendo empregos de calidade, a través do apoio ao financiamento do investimento realizado e pagado entre o 1 de xullo de 2025 e a data da presentación da solicitude.
Características da axuda
Conceptos subvencionables:
a) Investimentos: serán subvencionables os investimentos que correspondan de xeito indubidable ao proxecto empresarial constituído ou dado de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, e que teña iniciado a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2024.
En concreto:
Equipamento informático.
Activos intanxibles: activos que non teñen unha materialización física ou financeira.
Investimentos en eficiencia enerxética.
Adquisición de bens de equipamento e mobiliario.
Reforma e habilitación das instalacións do local de negocio (quedan expresamente excluídas desta convocatoria as reformas en locais destinados ao seu alugamento como vivendas catalogadas de uso turístico segundo a definición do artigo 5 do Decreto 12/2017, do 26 de xaneiro, polo que se establece a ordenación de apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico na Comunidade Autónoma de Galicia).
A adquisición de activos pertencentes a un establecemento ou de bens de equipo de segunda man, incluídos os bens reacondicionados, serán subvencionables sempre que cumpran os requisitos establecidos.
b) Gastos notariais, rexistrais e de alugamento: para as persoas solicitantes que cumpran os requisitos exixidos para seren beneficiarias da subvención en relación aos investimentos realizados, esta convocatoria mantén, así mesmo, como unha forma adicional de apoio ás persoas emprendedoras, a posibilidade de subvencionar, nos termos e nas contías previstos na propia orde, os seguintes gastos:
1) Gastos notariais e/ou rexistrais (gasto corrente).
2) Gastos de alugamento de inmobles para a realización da actividade para a que se solicita a subvención (gasto corrente).
Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade pola persoa beneficiaria, admitíndose, para estes efectos, as reformas de instalacións en inmobles alugados. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes deberán pasar a ser de propiedade plena da persoa beneficiaria antes do remate do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.
Os investimentos terán que estar realizados e pagados dentro do prazo de execución, que abrangue desde o 1 de xullo de 2025 ata a data da presentación da solicitude.
O investimento (ben sexa adquisición ou reforma) en bens inscritibles nun rexistro público terá que ser mantido, con vinculación á actividade económica subvencionable e no centro de traballo en Galicia durante os 5 anos seguintes á data do pagamento final á persoa beneficiaria.
O resto do investimento deberá manterse coas mesmas condicións durante 2 anos desde a devandita data.
O investimento total realizado deberá ser como mínimo de 5.000 € (IVE excluído).
A contía da axuda terá as seguintes porcentaxes de intensidade en función do rango de investimento total realizado:
Con investimentos de 5.000 € ou máis ata un límite de 20.000 €, a contía da axuda será do 55 % do investimento.
Con investimentos de 20.001 € ou máis ata un límite de 30.000 €, a contía da axuda será do 50 % do investimento.
Con investimentos de 30.001 € ou máis ata un límite de 60.000 €, a contía da axuda será do 45 % do investimento.
No suposto de que o proxecto de investimento evite o peche dun negocio por falta de remuda xeracional e facilite que a persoa interesada en emprender teña a posibilidade de recoller a testemuña dun negocio xa viable economicamente, a porcentaxe de intensidade en función do rango de investimento total realizado establecida incrementarase nun 10 %.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas, mutualistas e as pequenas e medianas empresas segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 e as sociedades cooperativas e laborais, que cumpran os dous requisitos seguintes:
a) Que se constitúan ou dean de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, desde o 1 de xaneiro de 2024, de conformidade co establecido.
b) Que iniciaran a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2024, de conformidade co establecido.