Axudas á conciliación das persoas traballadoras autónomas - 2026


  • 04/02/2026
  • 30/09/2026

TR341R - Axudas á conciliación das persoas traballadoras autónomas - 2026

Data de publicación: 04/02/2026

Data inicio de solicitude: 11/02/2026

Data remate de solicitude: 30/09/2026

Obxecto

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas para apoiar a conciliación da vida familiar e laboral de persoas traballadoras por conta propia ou autónomas, que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, mediante:

- O bono autónomo concilia I (contratación dunha persoa traballadora para apoio no negocio durante o período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento). Axudas dirixidas á contratación no período subvencionable, que comprende do 1 de outubro de 2025 ao 30 de setembro de 2026, dunha persoa traballadora para a substitución da persoa autónoma no seu negocio nos casos de maternidade ou paternidade, unha vez iniciado o seu período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento.

Tamén se apoia a contratación dunha persoa traballadora para a substitución da traballadora autónoma no caso de baixa por risco durante o embarazo e/ou a lactación.

Igualmente, incentívanse os contratos indefinidos realizados coa mesma persoa contratada para a substitución, unha vez rematado o período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento.

A persoa solicitante optará por unha ou outra axuda dentro deste bono concilia I (substitución ou transformación en indefinido).

- O bono autónomo concilia II (contratación dunha persoa traballadora para apoio no coidado de menores, maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia).

Axudas dirixidas á contratación indefinida, no período subvencionable, que comprende do 1 de outubro de 2025 ao 30 de setembro de 2026, dunha persoa traballadora para apoiar a persoa autónoma no coidado de menores e/ou maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia (graos I, II e III) ao seu cargo, independentemente de que existiran ou non situacións de maternidade ou paternidade ou asimiladas.

- O bono autónomo concilia III (apoio nos custos dos centros e/ou servizos para o coidado de menores e maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia).

Axudas para apoiar os gastos dos servizos de coidado de menores e/ou maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia (graos I, II e III) a cargo da persoa autónoma, realizados no período subvencionable, que comprende do 1 de outubro de 2025 ao 30 de setembro de 2026.

Características da axuda

As Liñas de axuda e contía da subvención serán as seguintes:

Bono autónomo concilia I:

a) Será subvencionable a contratación realizada por unha persoa traballadora autónoma para a substitución nos casos de maternidade ou paternidade, unha vez iniciado o seu período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento, e pola duración deste. Tamén será subvencionable a contratación dunha persoa traballadora para a substitución da traballadora autónoma no caso de baixa por risco durante o embarazo ou a lactación, e pola duración da dita baixa, sempre que a persoa beneficiaria cumpra os requisitos establecidos neste programa.

a.1) No caso de autónomas embarazadas ou persoas autónomas en proceso de adopción, o contrato de substitución será subvencionable ata dous meses antes do inicio do seu período de descanso, co fin de posibilitar a transferencia do coñecemento necesario á persoa contratada que posibilite o mantemento da actividade durante a correspondente baixa.

a.2) Igualmente, incentívanse os contratos indefinidos realizados coa mesma persoa contratada por substitución, unha vez rematado o período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento, sempre e cando se realicen nun período.

a.3) A persoa solicitante optará por unha ou outra axuda (substitución ou transformación en indefinido: a.1) ou a.2).

b) Serán subvencionables as contratacións que, cumprindo cos requisitos enumerados nos parágrafos anteriores, se inicien entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026.

c) O importe da subvención para compensar a dita contratación será de 1.100 € por mes completo, segundo a duración indicada na comunicación da contratación, e polo período de duración da baixa de maternidade ou paternidade, salvo nos casos previstos no punto a.1) anterior, no cal se terán en conta tamén os 2 meses previos de contrato.

Nos supostos de risco durante o embarazo, o período máximo que se terá en conta para a axuda será de oito meses de contratación e, polo tanto, o importe máximo que se pode percibir é de 8.800 €.

No caso de transformación do contrato de substitución en contrato indefinido (punto a.2) unha vez rematado o período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento, o importe da subvención será de 7.500 €, e acadará os 9.000 € cando a persoa se encadre nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables entre si:

a. Mulleres.

b. Persoas menores de 30 anos.

c. Persoas desempregadas de longa duración no momento do contrato de substitución.

d. Persoas maiores de 52 anos.

e. Persoas con discapacidade.

f. Persoas en situación ou risco de exclusión social.

g. Persoas emigrantes retornadas.

h. Persoas estranxeiras.

d) As contías previstas no punto anterior reduciranse proporcionalmente nos casos en que a xornada sexa a tempo parcial de polo menos o 50 %, ou nos períodos en que a substitución sexa inferior a un mes.

Bono autónomo concilia II:

a) Será subvencionable a contratación indefinida realizada por unha persoa traballadora autónoma para o coidado de menores e/ou maiores, e/ou persoas con discapacidade ou dependencia, sempre que a persoa beneficiaria cumpra os requisitos establecidos neste programa.

b) Serán subvencionables as contratacións que, cumprindo cos requisitos enumerados no paragrafo anterior, se inicien entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026.

c) O importe da subvención para compensar a dita contratación será de 7.500 €, e acadará os 9.000 € cando a persoa se encadre nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:

a. Mulleres.

b. Persoas menores de 30 anos.

c. Persoas desempregadas de longa duración.

d. Persoas maiores de 52 anos.

e. Persoas con discapacidade.

f. Persoas en situación ou risco de exclusión social.

g. Persoas emigrantes retornadas.

h. Persoas estranxeiras.

d) As contías previstas no punto anterior reduciranse proporcionalmente nos casos en que a xornada sexa a tempo parcial, de polo menos o 50 %.

Bono autónomo concilia III:

a) Será subvencionable o 75 % dos custos do centro ou do servizo de coidado de menores, maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia, ata un máximo de 3.000 €. Os custos deberán corresponder a gastos incluídos no período subvencionable, que comprende do 1 de outubro de 2025 ao 30 de setembro de 2026, e os centros e servizos deben estar localizados na Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de menores, serán subvencionables os servizos de coidado que xurdan en períodos de vacacións escolares, cando os centros educativos están pechados polas ditas vacacións, segundo o calendario escolar oficial. Estes servizos comprenden a asistencia a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos, especificamente organizados por calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada, para a atención de menores nos períodos de vacacións escolares; tamén serán subvencionables os mesmos servizos de coidado de menores que xurdan fóra do horario escolar, durante o período lectivo do centro onde está escolarizado o/a menor, que deberá acreditarse mediante a presentación do horario oficial do colexio.

Inclúense os gastos de comedor, sempre e cando aparezan desagregados como tales e o seu importe quede reflectido na correspondente factura.

Os tres tipos de axudas reguladas neste capítulo: bono autónomo concilia I, bono autónomo concilia II e bono autónomo concilia III serán compatibles entre si.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras que estean dadas de alta no RETA ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social, así como as persoas mutualistas, e así mesmo poden ser beneficiarias as persoas membros das sociedades mercantís, laborais e civís, e comunidades de bens, a título individual, sempre e cando cumpran os requisitos establecidos.

Para ter dereito á axuda, a persoa traballadora autónoma ten que cumprir os seguintes requisitos:

a) Bono autónomo concilia I:

Para ser beneficiaria desta axuda, a persoa solicitante ten ou tivo que estar de baixa por maternidade ou paternidade, ou situacións asimiladas. O contrato que se realizará será de substitución ou contrato indefinido, segundo o caso.

A contratación debe realizarse cunha persoa desempregada segundo a definición recollida, e debe realizarse dentro do período subvencionable (1 de outubro de 2025 a 30 de setembro de 2026).

O contrato formalizarse por escrito, en modelo oficial, e as tarefas que realizará a persoa substituta deben ser as mesmas que as da persoa traballadora autónoma substituída.

b) Bono autónomo concilia II:

Para ser beneficiaria desta axuda, a persoa solicitante ten que acreditar a súa relación de parentesco ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade coa persoa menor, maior e/ou persoa con discapacidade ou dependencia. No caso de non existir a relación de parentesco prevista no parágrafo anterior deberase acreditar a convivencia no mesmo domicilio que a persoa maior e/ou persoa con discapacidade (grao ≥ ao 33 %), e/ou dependente, como mínimo nos tres últimos meses anteriores á presentación da solicitude. No caso de menores acollidos non será necesario acreditar a convivencia previa. A contratación debe realizarse cunha persoa desempregada segundo a definición recollida.

c) Bono autónomo concilia III:

Para ser beneficiaria desta axuda, a persoa solicitante terá que acreditar a contratación dun centro ou servizo de coidado de menores, maiores e/ou persoa con discapacidade ou dependencia. No caso de non existir a relación de parentesco prevista no parágrafo anterior deberase acreditar a convivencia no mesmo domicilio que a persoa maior e/ou persoa con discapacidade (grao ≥  ao 33 %), e/ou dependente, como mínimo nos tres últimos meses anteriores á presentación da solicitude. No caso de menores acollidos, non será necesario acreditar a convivencia previa.

 


Publicación boletín

Ficha informativa sede

Válido dende: 
mércores, 4 Febreiro, 2026
Válido ate: 
mércores, 30 Setembro, 2026