Programa Investigo, de contratación de persoas mozas demandantes de emprego na realización de iniciativas de investigación e innovación - 2026

- 10/02/2026
- 16/03/2026
-
Etapa
TR349V - Programa Investigo, de contratación de persoas mozas demandantes de emprego na realización de iniciativas de investigación e innovación - 2026
Data de publicación: 10/02/2026
Data inicio de solicitude: 17/02/2026
Data remate de solicitude: 16/03/2026
Obxecto
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as subvencións do Programa Investigo, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para a contratación de persoas mozas, de 16 ou máis anos e que non fixesen os 30 anos no momento de comezar a relación contractual, por parte de persoas empregadoras ou empresas que estean a investir na realización de iniciativas de investigación e innovación recollidas, así como polos centros privados de I+D+i, sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia, que teñan definida, nos seus estatutos, no seu obxecto social ou normativa que os regule, a I+D+i como actividade principal.
Características da axuda
As actividades obxecto destas axudas serán desenvoltas polas persoas capacitadas para levar a cabo proxectos de investigación en calidade de investigadoras, tecnólogas, persoal técnico e outros perfís profesionais en I+D+i, facilitando a súa inserción laboral para contribuír a incrementar a competitividade da investigación e a innovación.
As iniciativas de innovación e investigación e as dos departamentos de I+D+i desenvolveranse, entre outras, en ocupacións referidas á transición ecolóxica, á economía verde (enerxías renovables, eficiencia enerxética, tratamento de augas e de residuos e industria agroalimentaria), e á dixitalización de servizos, á enxeñaría de datos e data science, así como a outras tarefas encadradas no marco da Estratexia de especialización intelixente RIS3 2021-2027. Con este programa revértese na sociedade a alta formación deste persoal. Ademais, as iniciativas poderán desenvolverse en ocupacións referidas a sanidade e investigación.
Serán gastos subvencionables os custos laborais e salariais, incluíndo os gastos de cotización por todos os conceptos á Seguridade Social, das persoas mozas que sexan contratadas para o desenvolvemento e execución das iniciativas de investigación e innovación do Programa Investigo.
As actividades de investigación e innovación que realice o persoal contratado deberán desenvolverse en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia.
O período subvencionable será de 12 meses.
As persoas traballadoras contratadas ao abeiro desta orde deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ter 16 ou máis anos e non ter cumprido os 30 anos no momento da contratación.
b) Estar desempregadas e inscritas como demandantes de emprego de acordo co establecido.
c) Ser contratadas mediante contrato indefinido e a xornada completa.
d) Ser contratadas con posterioridade á data da solicitude da axuda.
e) Dedicarse de xeito exclusivo á iniciativa de investigación e innovación sinalada na solicitude.
f) Dispor dos estudos precisos que lles outorguen as capacidades e competencias necesarias para levar a cabo o programa de investigación.
Para os efectos do disposto, as persoas traballadoras deberán ser contratadas nos seguintes grupos de cotización en función da súa titulación/categoría profesional:
Enxeñeiros, licenciados, persoal de alta dirección: grupo de cotización 1
Enxeñeiros técnicos, peritos e axudantes titulados, diplomados: grupo de cotización 2
Xefes administrativos e de taller (técnicos especialistas): grupo de ctoización 3
Axudantes non titulados: grupo de cotización 4
Oficiais administrativos: grupo de cotización 5
O importe da subvención calcularase en función das previsións recollidas no proxecto: número de persoas que se van contratar, e meses de contratación de cada unha delas e o módulo segundo o grupo de cotización da Seguridade Social que corresponda, de acordo co seguinte cadro:
| Titulación / Categoría profesional | Custo mensual | Total anual |
|---|---|---|
| Enxeñeiros, licenciados, persoal de alta dirección | 2.759,07 €/mes | Módulo B: 33.108,84 €/ano |
| Enxeñeiros técnicos, peritos e axudantes titulados, diplomados | 2.759,07 €/mes | Módulo B: 33.108,84 €/ano |
| Xefes administrativos e de taller (técnicos especialistas) | 2.759,07 €/mes | Módulo B: 33.108,84 €/ano |
| Axudantes non titulados | 2.759,07 €/mes | Módulo B: 33.108,84 €/ano |
| Oficiais administrativos | 1.867,16 €/mes | Módulo A: 22.405,92 €/ano |
A entidade beneficiaria deberá realizar, polo menos, un contrato incluído no módulo B, para garantir o proxecto de investigación.
O número máximo de contratos que se van subvencionar establécese en 3.
Persoas beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias da subvención:
a) As persoas empregadoras e empresas pertencentes ao sector privado radicadas en Galicia que estean a investir na realización de iniciativas de investigación e innovación, incluídas as empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica atendendo ao previsto no Decreto 56/2007, do 15 de marzo, polo que se establece un programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT).
b) Os centros privados de I+D+i, sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia, que teñan definida, nos seus estatutos ou no seu obxecto social ou normativa que os regule, a I+D+i como actividade principal.