Programa de axudas para a elaboración e implantación de plans de igualdade - 2026


  • 18/02/2026
  • 18/03/2026

TR357C - Programa de axudas para a elaboración e implantación de plans de igualdade - 2026

Data de publicación: 18/02/2026

Data inicio de solicitude: 19/02/2026

Data remate de solicitude: 18/03/2026

Obxecto

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas e incentivos a pemes e a persoas traballadoras autónomas con persoas traballadoras a cargo para implantar a igualdade laboral.

Características da axuda

Nesta liña poderán ser obxecto de subvención, ben de maneira conxunta ou ben por separado, os seguintes conceptos:

a) Os custos da elaboración dunha diagnose da empresa desde a perspectiva de xénero. Esta diagnose será elaborada segundo o establecido no artigo 7 do Real decreto 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro e se modifica o Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo.

Neste caso, a contía da axuda pode acadar ata o 80 % dos custos que comporte o proceso de diagnose previa da empresa cun máximo de 3.000 € nas empresas de ata 20 persoas traballadoras, e ata de 5.000 € nos demais supostos.

b) Os custos derivados da elaboración dun plan de igualdade que recolla as accións ou medidas que corrixan as deficiencias detectadas na diagnose previa e que, como mínimo, deberá conter as medidas establecidas no capítulo III do Real decreto 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro e se modifica o Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo.

Neste segundo caso, a contía da axuda pode chegar ata o 80 % dos custos derivados da elaboración dun plan de igualdade, cun máximo de 1.500 € nas empresas de ata 20 persoas traballadoras, e ata de 3.000 € nos demais supostos.

c) Os custos derivados da implantación das medidas previstas no plan de igualdade que xa teña aprobado a entidade para o seu primeiro ano de vixencia. Non poderá solicitarse axuda por este concepto na mesma convocatoria en que se soliciten os supostos a) e b).

Neste tipo de concepto, a contía da axuda pode chegar ata o 80 % dos custos derivados da implantación das medidas prioritarias previstas na primeira fase do plan de igualdade cun custo máximo de 1.000 € nas empresas de ata 20 persoas traballadoras, e ata 2.000 € nos demais supostos.

d) A contratación, no grupo de cotización 1 ou 2, a xornada completa e como mínimo dun ano dunha persoa con titulación de grao e con experiencia e/ou coñecementos acreditados en materia de igualdade, co obxecto de asesorar e coordinar en calquera das fases de elaboración e implantación do plan de igualdade.

E neste tipo de concepto a contía da axuda será de 12.000 € pola contratación como mínimo dun ano dunha persoa experta en igualdade.

A contratación prevista na letra d) é compatible coas axudas recollidas nas letras a), b) e c).

Persoas beneficiarias

As empresas beneficiarias poderán ser pemes ou persoas traballadoras autónomas, que teñan subscritos contratos con persoas traballadoras por conta allea con domicilio social e centro de traballo en Galicia, calquera que sexa a súa forma xurídica, e que estean validamente constituídas no momento de presentar a solicitude de axudas.

As entidades sen ánimo de lucro poderán presentar solicitude para a liña I.

No caso da liña I, as empresas deberán contar como mínimo con dez persoas traballadoras e cun máximo de 49.

Será necesario que as entidades solicitantes teñan unha taxa de estabilidade cando menos do 50 % desde o 1 de xaneiro de 2025 e na data da súa xustificación. Para o cálculo desta porcentaxe só se terán en conta as persoas traballadoras con contratos indefinidos a tempo completo sobre o total dos contratos das persoas traballadoras da empresa.


Publicación boletín

Ficha informativa sede

Válido dende: 
mércores, 18 Febreiro, 2026
Válido ate: 
mércores, 18 Marzo, 2026