A Xunta subministrará a prezo de custo máscaras e guantes a empresas e autónomos dos sectores esenciais que así o soliciten
A Xunta de Galicia subministrará máscaras e guantes ás empresas e os autónomos que o soliciten, ante a imposibilidade de que moitas delas poidan conseguir o material de protección necesario no mercado e a un prezo adecuado. De feito, o material será facilitado ao mesmo prezo que o adquira a Xunta.
Así se acordou hoxe na quinta reunión do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), que estivo presidida polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. Segundo se avaliou no encontro, o reparto de material de protección chegará a sectores como o alimentario e as distribuidoras, a metalurxia, a construción, a enxeñería, a madeira, a pizarra e o granito, as enerxías renovables, as cooperativas agrarias, os call center, autónomos e comerciantes.
Deste forma, a Xunta vai facer “de paraugas protector” para que se poida seguir traballando “cumprindo con todas as garantías sanitarias” ao facilitar material do que “segue habendo necesidade”. Esta mesma tarde manterase un encontro por videoconferencia cos clústers e asociacións que representan aos sectores beneficiados pola medida para detallar con eles o sistema de distribución máis axeitado.
Ademais deste acordo relativo á subministración, outro dos temas que centrou a reunión de hoxe foi a necesidade de ofrecer unha alternativa de restauración aos traballadores dos servizos esenciais. Tal e como sinalou o vicepresidente, “a xente que se despraza ao traballo precisa un lugar para poder comer. Por suposto, con todas as garantías sanitarias”.
Por iso, o Cecop proporá ao Goberno central abrir determinados establecementos de hostalería para cubrir estas necesidades, “igual que se fixo coas prazas hoteleiras”. A apertura destes restaurantes de garda faríase previa solicitude e para atención exclusiva destes colectivos, sempre mantendo as medidas de protección, como garantir a distancia interpersoal e establecer un sistema de reserva previa para evitar aglomeracións, así como as quendas necesarias.
Nesta mesma liña, na reunión de hoxe, deuse traslado á Federación Galega de Municipios e Provincias da petición das principais federacións de transporte de mercadorías de Galicia para que concellos e deputacións acondicionen provisionalmente equipamentos públicos para o descanso, aseo e avituallamento dos profesionais do transporte público, que están a prestar un servizo esencial. Na proposta, solicítase a colaboración activa cos profesionais do transporte, habilitando, polo menos nos accesos das áreas metropolitanas das 7 grandes cidades -agás en Ourense, onde a Deputación provincial xa presta este servizo-, recintos de titularidade pública acondicionados de modo excepcional e provisional para estes traballadores.
En canto á Administración de Xustiza, o Cecop abordou hoxe a decisión do Ministerio de Xustiza que vén de determinar que, a partir do próximo mércores, terán que acudir un mínimo de traballadores a todos os órganos e servizos xudiciais de cara a unha eventual reactivación deste servizo cando así sexa determinado polas autoridades sanitarias. Isto suporá en Galicia que acudan de xeito presencial uns 720 funcionarios, o que supón ao redor dun 26% do total (actualmente, a porcentaxe era do 10%). Ante esta nova resolución, o Ministerio de Xustiza comprometeuse a realizar tres envíos de material con 13.000 máscaras, 26.000 pares de guantes e 2.000 botes de hidroxel: material que será pagado na súa totalidade pola Xunta, cun importe de 40.000 euros.