A Xunta chama ás pemes galegas a participar na nova convocatoria do proxecto europeo C-Voucher
A Xunta de Galicia anima ás pemes galegas a participar na nova convocatoria do proxecto europeo C-Voucher, no cal a Axencia Galega de Innovación (Gain) participa como socio e que ten como obxectivo promover a economía circular no tecido empresarial. Ata o 30 de outubro, as empresas galegas dos ámbitos da saúde, a economía azul, o téxtil, a agroalimentación e a fabricación poderán presentar o seu proxecto para optar ás axudas de ata 15.000 euros e asesoramento técnico.
Concretamente, esta é unha nova convocatoria do programa Adopters, que forma parte do proxecto europeo C-Voucher, destinado a pemes que desenvolvan solucións circulares innovadoras que afonden na eficiencia enerxética e de recursos materiais, na enerxía renovable, nos produtos biolóxicos, na extensión do ciclo de vida do produto ou na economía de rendemento, compartida ou de plataforma.
As 24 pequenas e medianas empresas que resulten seleccionadas recibirán 15.000 euros en axudas e, durante un período de tres meses, poderán recibir asesoramento técnico durante a fase creativa de desenvolvemento do modelo empresarial e, tamén, para identificar outras posibilidades de financiamento do seu modelo de negocio.
C-Voucher é a primeira iniciativa financiada pola Comisión Europea para promover a economía circular nas cadeas de valor das empresas. Conta cun total de 13 socios de seis países: España, Polonia, Francia, Dinamarca, Romanía e Suecia. Trátase dun proxecto con financiamento do programa H2020 que destina 4,2 millóns de euros ao longo de catro convocatorias, das que esta é a derradeira. Nas anteriores, dúas empresas galegas resultaron beneficiarias: Merasys e Krack Zapaterías.