A Xunta activa novas axudas por 330.000 euros para impulsar a comercialización dixital do sector artesán galego

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, presentou hoxe en Santiago de Compostela os apoios para eventos comerciais en liña, que buscan facilitar a adaptación aos novos hábitos de consumo e ao actual contexto.

A través do programa que hoxe se publica no Diario Oficial de Galicia (DOG), tamén se impulsa a realización ou participación en feiras de artesanía celebradas de xeito presencial.

Esta axuda contempla apoios de ata 8.000 euros por iniciativa (cun máximo de dúas iniciativas por beneficiario) para a organización de eventos como tendas efémeras, plataformas de market place, feiras ou calquera outro tipo de evento comercial celebrado en liña. Para os participantes neste tipo de actuacións, as axudas poderán alcanzar un total de 6.000 euros.

Ademais, dentro da convocatoria que hoxe se publica, á cal poderán presentarse solicitudes ata o 30 de setembro ou ata o esgotamento do crédito, tamén se contemplan apoios para actuacións de comercialización física, con ata 8.000 euros para a participación en feiras artesanais ou ata 30.000 euros para a organización destes encontros, dependendo do tipo de solicitante.

Poden beneficiarse das axudas, en concorrencia non competitiva, obradoiros artesáns, asociacións profesionais do sector, e concellos e, no caso de axudas para a comercialización dixital, comerciantes retallistas que empreguen a menos de 20 traballadores, podéndose solicitar anticipos de ata o 50% do importe da axuda, que pode financiar ata o 80 por cento do investimento subvencionable.


Máis información