Feijóo anuncia un Plan de rescate dotado con máis de 70 millóns de euros para axudar á actividade económica de máis de 30.000 autónomos e de 10.000 microempresas
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou un Plan de rescate, dotado con máis de 70 millóns de euros, para axudar á actividade económica de máis de 30.000 autónomos e de 10.000 microempresas.
Durante a clausura da sétima edición da xornada El mundo que viene, organizada por APD, Feijóo trasladou a preocupación polo emprego, “que se está destruíndo de forma masiva”, e incidiu en que agora é cando a sintonía e a cooperación entre a política e a economía debe ser máis fluída que nunca. “Agora a política e a economía deben ir máis da man se cabe, porque de como respondamos a esta emerxencia sanitaria dependerá o mundo que vén”, abundou.
Nesta liña, aseverou que Galicia non vai perder un minuto en prepararse para a reconstrución da nosa economía. Ao respecto, referiuse, a modo de exemplos, á constitución do comité de expertos, á creación dunha comisión interdepartamental; “e o pasado venres, constituímos o primeiro foro no que participaron as 60 empresas de maior facturación en Galicia, para debater sobre os proxectos tractores que imos plantexar no ámbito da transición enerxética, a dixitalización, a industria 4.0 e a modernización dos servizos públicos”, engadiu.
Sobre este punto, confirmou que, ademais dos sete proxectos xa presentados -que suporán un investimento de 3.200 millóns de euros e crearán 18.000 empregos-, no Consello de mañá xoves avaliarase un informe completo con todos os proxectos que a Comunidade presentará ante o fondo de reconstrución europea.
“Proxectos sólidos dos distintos sectores da economía galega, que serán remitidos ao Goberno central, neste mes de outubro, co obxectivo de ser unha das primeiras comunidades en facelo e para que España poida presentalos ante a Unión Europea, espero que de forma rigorosa e mediante un sistema de concorrencia competitiva, e non mediante un sistema de adscrición de fondos a territorios en función de intereses políticos”, insistiu.
O presidente da Xunta concluíu apelando á política útil, capaz de xerar certezas e estabilidade onde hai dúbidas. “Estamos ante unha gran crise de proporcións descoñecidas. Pero tamén estamos ante unha oportunidade”, sentenciou.