A Xunta aposta pola formación en comercio electrónico nas persoas autónomas

Un comercio máis accesible, dixitalizado e con oportunidades para a reactivación económica das persoas autónomas.

Estes son os eixos sobre os que xirarán os cursos de formación dentro do programa Mocidade é Dixital, presentado hoxe pola directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, á Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia (Aje).

O programa, enmarcado dentro da iniciativa Autónomos Dixitais, quere capacitar á xuventude autónoma de ata 30 anos de mellorar o grao de dixitalización dos seus negocios nun contexto onde, por mor da pandemia, moitos establecementos puideron sobrevivir á coxuntura económica grazas ao comercio en liña, outorgando, remarcou Lado unha “importancia prioritaria” a dinámicas como a do e-commerce e o seu coñecemento no eido laboral.

A directora xeral explicou que este programa constará dun curso de iniciación, Fundamentos para crear un proxecto e-commerce, de 50 horas de duración, e outro curso de Especialista en e-commerce, tamén de 50 horas de sesións. Ambos son cursos dixitais onde se pode recibir a formación a distancia, facilitando deste xeito o seu acceso e, tamén, a debida conciliación das persoas interesadas.

A iniciativa Autónomos Dixitais foi presentada en maio pola conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, con 1.200 participantes na primeira edición e catro perfís aos que vai dirixida: o da mocidade (menores de 30 anos); mulleres; persoas entre 31 e 44 anos e autónomos que tiveron que pechar o seu negocio como consecuencia da covid-19; e, tamén, as persoas traballadoras autónomas maiores de 45 anos. Cada perfil consta de dous cursos gratuítos en formato dixital: un básico sobre fundamentos do comercio electrónico e outro avanzado para a especialización no e-commerce. Cada curso consta de 50 horas de formación e ao remate os alumnos e alumnas recibirán un diploma de aproveitamento avalado pola Xunta.

A formación continua e a capacitación laboral son duas vías de traballo nas que incide deste xeito o Executivo galego, cunha aposta dobre na que cabe o comercio presencial, no cal se quere coidar e incentivar a compra, recalcou Lado, mais tamén cunha clara vocación de dotar ás novas e novos autónomos dunha ventá dixital para poder reemprender ou impulsar o seu negocio, colocando así, declarou Lago, “as persoas” no centro das políticas de emprego en Galicia.


Máis información