A Xunta de Galicia convoca un novo programa de axudas para incentivar as vendas no comercio a través de campañas de dinamización
O Goberno galego acaba de poñer en marcha a convocatoria do ticket de dinamización comercial que estará aberta ata o próximo 10 de setembro.
A Xunta de Galicia vén de abrir a convocatoria de axudas dirixida a asociacións de comerciantes a nivel comarcal, provincial ou autonómico e ás federacións para o impulso das compras de proximidade a través do ticket de dinamización comercial. Así, o Goberno galego destina 500.000 euros co obxectivo de construír un sector máis competitivo, atraer clientela e mellorar os servizos que se ofrecen aos consumidores na actual situación económica.
Para incentivar a demanda comercial e o consumo, apoiaranse campañas de dinamización e actuacións encamiñadas á promoción das vendas, que se deberán presentar dentro dun proxecto que amose a participación directa das asociacións de comerciantes integradas na entidade beneficiaria ou dos establecementos comerciais asociados, de ser o caso.
As entidades interesadas poderán presentar as súas solicitudes ata o próximo 10 de setembro, sendo o investimento máximo subvencionable para actuacións contidas nesta iniciativa do ticket de dinamización comercial de 70.000 euros –federacións que conten con 20 ou máis asociacións–; 48.000 euros –no caso das federacións de menos de 20 asociacións–; e de 13.000 euros para as asociacións de ámbito superior ao municipal.
Esta liña de axudas enmárcase na aposta do Goberno galego, a través da Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, por recuperar e impulsar o papel dinamizador do comercio. Así, a Xunta destina tamén 2,25M€ este ano ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos (CCA) e prazas de abastos, apoios que poden solicitarse ata o vindeiro 30 de agosto.
Tanto os centros comerciais abertos como as prazas de abastos e mercados poderán optar a estas axudas para a posta en marcha ou mantemento de marketplaces e outras iniciativas dixitais como sistemas de envío a domicilio para as compras en liña (loxística e-commerce) ou xestión de redes sociais, para a venda e promoción de produtos dos comercios asociados, así como campañas de dinamización comercial.
O programa de apoios se dirixe tamén a asociacións de praceiros que, ademais de proxectos de fidelización e dinamización, poderán desenvolver iniciativas relacionadas coa mellora de instalacións e equipamentos.
A Xunta de Galicia segue polo tanto apoiando ao sector comercial. Neste sentido, cómpre lembrar que tamén se vén de ampliar ata o 31 de outubro o prazo para poder beneficiarse do Bono Activa Comercio –bonoactivacomercio.gal–. Con máis de 175.000 bonos descargados –cada bono inclúe un vale desconto de 30 euros– e 5675 comercios adheridos a esta iniciativa, esta liña de axudas da Vicepresidencia económica xa ten contribuído a que o sector comercial galego poida mobilizar vendas por un importe global de ao redor de 13M€.