A Xunta convoca as axudas para facilitar a conciliación por maternidade ou paternidade das persoas autónomas con apoios de ata 12.000 €

O Diario Oficial de Galicia (DOG) convoca as axudas para apoiar a conciliación por maternidade ou paternidade das persoas autónomas da comunidade galega. O programa da Consellería de Emprego e Igualdade, que conta cun orzamento de 500.000 euros, introduce importantes novidades con respecto a edicións pasadas desta iniciativa ao incluír axudas para os pais e/ou nais que tamén teñan ao seu cargo menores, maiores ou persoas dependentes.

Do que se trata é de favorecer a conciliación dos traballadores e traballadoras autónomas de Galicia. A medida inclúe catro tipos de bonos que se poden solicitar ata o próximo 25 de outubro e que están dirixidos en todos os casos a persoas traballadoras dadas de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (Reta) ou persoas traballadoras autónomas sempre que gozaran dun período de descanso por nacemento do seu fillo ou filla. Tamén poderán ser beneficiarios destes apoios as sociedades e comunidades de bens respecto das persoas autónomas societarias que gozasen tamén dun período de descanso por nacemento.

O Bono Autónomo Concilia I inclúe axudas para as persoas traballadoras autónomas que contraten ou contrataran para a súa actividade económica entre o 1 de outubro de 2020 e o 30 de setembro de 2021 a unha persoa por conta allea cunha duración mínima de seis meses e un máximo dun ano para favorecer a súa conciliación unha vez rematado o seu período de descanso por nacemento.

O Bono Autónomo Concilia II, novidade este ano, inclúe axudas nas mesmas condicións pero vai dirixido a apoiar a contratación dunha persoa para o coidado de menores, maiores ou dependentes dos que estea a cargo a persoa traballadora autónoma.

Estes dous primeiros bonos inclúen axudas de ata 500 euros ao mes pola contratación a tempo completo cun importe máximo de 6.000 euros.

A terceira liña deste programa é o Bono para o coidado de menores destinado a cubrir os gastos da escola infantil e a última e cuarta liña (novidade tamén nesta edición do programa) trátase do bono para o coidado de persoas maiores e dependentes de ata un segundo grao de consanguinidade ou afinidade ou que acrediten convivencia. As axudas van dirixidas a sufragar o importe dun centro ou servizo contratado para o coidado.

Nos dous casos, para recibir o bono para o coidado de menores ou o de coidado de persoas maiores ou dependentes, as persoas beneficiarias teñen que ter obtido o Bono Concilia I ou II nesta convocatoria.

Cos dous bonos poderá cubrirse o 75% dos servizos da escola infantil ou dos centros ou servizos contratados para o coidado de persoas maiores ou dependentes ata un máximo de 3.000 euros. Os dous bonos son compatibles entre si polo que a contía máxima deste programa elévase ata os 12.000 euros (no caso de recibir un dos bonos concilia e os bonos para o coidado de menores e de persoas maiores ou dependentes).

O Goberno galego o que busca con esta iniciativa é favorecer a conciliación das persoas traballadoras autónomas que poidan ter ao seu cargo fillos e/ou persoas maiores ou dependentes. É dicir, unha persoa autónoma, sempre que teña sido nai ou pai poderá recibir apoios para contratar a unha persoa que a apoie no seu posto de traballo, tamén a unha persoa que coide do seu fillo/s ou filla/s e ao mesmo tempo optar a un bono ben para sufragar os gastos dunha persoa maior ou dependente que se atope, por exemplo, nunha residencia ou os gastos dunha escola infantil o calquera outro servizo de coidado de menores.


Ficha informativa