Lorenzana anuncia un novo programa de axudas de carácter extraordinario dirixido a persoas autónomas e pemes con actividades especialmente paralizadas
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe en Vilagarcía de Arousa, no Foro Feria 2022, organizado pola Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (Upta-Galicia) e a Asociación Galega de Traballadores Autónomos do Mar (Agtamar), que a Xunta está ultimando un novo programa de axudas por valor de 2,7 millóns de euros destinado a persoas traballadoras por conta propia e pemes con actividades económicas especialmente paralizadas.
A nova orde incluirá entre os seus principais requisitos que as persoas beneficiarias dos apoios conten cunha caída de facturación de polo menos o 70% no ano 2021 con respecto a 2019. As axudas oscilarán entre os 1.000 e os 12.000 euros, segundo os ingresos de facturación do ano 2019.
Lorenzana puxo en valor o apoio da Xunta aos persoas traballadoras autónomas, principalmente, nos momentos de maior dificultade e, así, lembrou os plans de rescate postos en marcha polo Goberno da Xunta e sinalou que nos tres primeiros meses do ano a Administración autonómica xa activou axudas por valor de 26 millóns de euros destinadas a este colectivo, do que afirmou que é un alicerce esencial da sociedade e prioritario para a Xunta de Galicia.
Entre os programas que xa se publicaron no Diario Oficial de Galicia (DOG) destacan o de promoción do emprego autónomo para incentivar novas altas entre as persoas traballadoras autónomas, que está dotado con 12,5 millóns de euros; o Bono Autónomo, que con 8 millóns de euros (un 33% máis que en 2021) está dirixido á consolidación e mellora da competitividade de negocios; as axudas para a formación e a contratación indefinida do primeira, segunda e terceira persoa traballadora por conta allea, cunha contía en 2022 de 1,35 millóns; ou o programa para a posta en marcha de pequenas empresas de nova creación ou empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) con dous millóns.
A conselleira, así mesmo, referiuse aos apoios á conciliación das persoas traballadoras autónomas cun importe inicial dun millón de euros e á liña de apoios para garantir o funcionamento das entidades asociativas do sector con preto de 330.000 euros.
A maior parte destas axudas aínda están en prazo de solicitude e poden pedirse ata o 30 de setembro, a excepción dos apoios destinados ás pequenas empresas de nova creación cuxo prazo remata o 1 de agosto. No caso do Bono Autónomo e das axudas ás asociacións o prazo de solicitude xa está pechado.