A Xunta de Galicia convoca por primeira vez apoios para pemes e autónomos que conxugan axudas directas e préstamos parcialmente reembolsables para o financiamento de proxectos

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovacion, Francisco Conde, informou da apertura do prazo de solicitudes para acceder ao programa Galicia Inviste, que sumará 11 millóns de euros na procura de promover a competitividade de pequenas e medianas empresas e do colectivo autónomo galego. “Un ano máis apoiamos o investimento empresarial para que pemes e autónomos poidan impulsar novas iniciativas, diversificar os seus produtos ou mellorar as liñas de produción”, explicou.

A principal novidade desta liña, aberta ata o 30 de setembro e que se enmarca na Axenda Financeira 2022, é que, por primeira vez, ofrece a posibilidade de solicitar conxuntamente axudas directas e préstamos para o financiamento de proxectos -ofrecendo a opción de pedir créditos parcialmente reembolsables-, na procura de potenciar o mantemento e creación de emprego, a innovación e o impulso de novas iniciativas empresarias.

Dirixido a autónomos e pequenas e medianas empresas, o programa prevé tres grandes liñas de actuación: unha centrada nos proxectos de investimento empresarial, outra que atende iniciativas de mellora do sector de aloxamento, e a última que pon o foco, como subliñou o vicepresidente económico, en facilitar os investimentos específicos para maquinaria.

Con respecto á primeira liña, promoveranse a creación de novos establecementos, a ampliación da capacidade dos existentes, a diversificación da súa produción e os cambios nos procesos globais da propia produción. No relativo ao sector de aloxamentos, apoiaranse a creación de novos establecementos hoteleiros, a ampliación da capacidade dos existentes e a súa modernización. E no eido do equipamento produtivo, facilitarase a ampliación de capacidade dun establecemento existente e os investimentos en bens de equipamento. A posta en marcha destas liñas específicas, segundo explicou Conde, tamén estará acompañada dunha maior simplificación administrativa para facilitar e axilizar a tramitación dos expedientes.

O apoio da Administración autonómica, a través da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, cobre proxectos desde 25.000 ata 900.000 euros no caso desta terceira liña, chegando ao 20% na intensidade de axuda no caso das medianas empresas e de ata o 30% nas pequenas. Pola súa banda, para as dúas primeiras liñas, as cantidades oscilan entre os 50.000 e os 900.000 euros, acadando o 35% dos investimentos no caso das pequenas empresas, e o 25% para as medianas.

A gran novidade será cando as solicitudes de axuda teñan un investimento subvencionable superior a 500.000 euros, xa que se poderá pedir un préstamo parcialmente reembolsable para o seu financiamento, correspondéndose o tramo non reembolsable coa axuda concedida.

Deste xeito, a Xunta pretende dar resposta coordinada ás necesidades financeiras das pemes, facilitando á vez axudas e préstamos parcialmente reembolsables para o financiamento de proxectos de investimento empresarial. De feito, esta convocatoria forma parte da Axenda Financeira 2022 de Galicia coa que o Goberno galego prevé mobilizar ao longo do ano 400M€ para contribuír á reactivación económica e mellora da competitividade do tecido empresarial.


Máis información