A Xunta busca dar resposta ás necesidades emerxentes do mercado laboral coa estratexia Xempre contigo
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentou en Valença, no marco do XXII Congreso Internacional de Formación para o Traballo Norte de Portugal-Galicia, a estratexia de emprego Xempre Contigo coa que a Xunta está a levar a cabo unha renovación das políticas activas de emprego e a formación para o emprego.
Dun lado, destacou que a Administración autonómica está centrada en modernizar o Servizo de Emprego de Galicia para dar resposta ao gran reto de mellorar o emparellamento entre a oferta de emprego e demanda de persoas traballadoras. Neste senso, explicou que a Xunta contará cunha nova ferramenta tecnolóxica que emprega big data, business intelligent e intelixencia artificial para sincronizar información en tempo real e coa que se están a implicar empresas referentes en Galicia a través da formalización de protocolos de colaboración para que envorquen as súas vacantes de emprego no sistema de intermediación autonómico.
Lorenzana, doutra banda, puxo en valor a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, unha iniciativa inspirada polos principios da Axenda Europea das Capacidades “coa que queremos situar as capacidades das persoas no centro da nosa axenda política”, sinalou. A conselleira apuntou que esta iniciativa convirte a Galicia en pioneira en España e das primeiras de Europa ao aplicar estas directrices europeas no seu mercado de traballo.
A titular de Promoción do Emprego e Igualdade lembrou que esta Axenda naceu dun gran Pacto Social pola capacitación para o emprego en Galicia, un marco de colaboración que pretende actualizar e desenvolver as capacidades das persoas traballadoras ao longo de toda a vida co reto tamén de outorgarlle ás empresas as ferramentas que precisan para o seu crecemento e maior competitividade. “Trátase de contar cunha formación que dea resposta ás necesidades emerxentes do mercado laboral”, subliñou.
Para iso, a través desta Axenda constituíronse nove mesas de traballo sectoriais nas que participaron as empresas máis representativas de ámbitos estratéxicos para a economía galega, constituíndo as mesmas unha representatividade do 60% do PIB e emprego de Galicia. Nestas mesas, segundo explicou a conselleira, detectáronse novas necesidades de capacitación profesional nas que agora está a traballar a Xunta para ofrecer formación á carta para dar resposta aos eidos dixital, empresarial, asistencial e da construción.
En definitiva, Lorenzana resumiu que Xempre Contigo busca afrontar unha nova realidade laboral que trae consigo novas oportunidades e novos retos como son axustar a oferta e a demanda de traballo e conseguir formar nas novas tendencias que detecta o tecido empresarial, tanto ás persoas ocupadas como ás demandantes de emprego. “Só así conseguiremos acadar unha maior taxa de empregabilidade, unha maior taxa de retención de talento, unha maior taxa de benestar laboral e unha maior competitividade empresarial”, indicou.
Para rematar, a conselleira apelou ao “traballo conxunto” para multiplicar o progreso dos territorios e das poboacións e agradeceu a celebración do Congreso Internacional de Formación para analizar a situación na que se atopa na actualidade a formación para o emprego.