Xunta e AJE Galicia impulsarán o emprendemento entre a mocidade e promoverán a dinamización do rural con medidas de formación e asesoramento
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou en Santiago de Compostela co presidente da Asociación de Xoves Empresarios de Galicia (AJE-Galicia), Luciano Covelo, un convenio de colaboración por un importe de 60.000 euros para impulsar o emprendemento e a xeración de emprego na comunidade galega. En concreto, esta cooperación inclúe a posta en marcha de medidas de asesoramento e titorización para a creación de empresas, a formación específica para o fomento do emprendemento e a dinamización do rural, actividades de networking e a organización do Congreso Xove Empresario, un evento que espera reunir a un cento de empresarias e empresarios de España e Portugal para o intercambio de novas ideas e para fomentar o emprendemento.
Lorenzana destacou a colaboración que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade mantén con AJE Galicia, xa que hoxe mesmo tamén se fixeron efectivos os protocolos de adhesión do colectivo ao sistema de difusión de ofertas do Servizo Público de Emprego de Galicia e ao programa Retorna Cualifica Emprego para captar e reter o talento galego, aumentando, deste xeito, a poboación activa galega, dando opción dun contrato de traballo ás galegas e galegos residentes no exterior que queiran volver a súa terra. Con respecto ao sistema de difusión de ofertas laborais, a conselleira sinalou que AJE Galicia comparte coa Administración autonómica a necesidade de impulsar un servizo de emprego moderno e dinámico que permita casar oferta e demanda para cubrir de forma efectiva as vacantes que existen no mercado de traballo.
“Estes tres acordos dan conta do compromiso da Xunta e de AJE Galicia para seguir avanzando na senda do emprendemento e na creación de emprego de calidade, a través dun mercado laboral máis interconectado e dinámico, baseado na colaboración público-privado”, rematou.