A Xunta abre hoxe o prazo de inscrición do programa mentoring autónomos para apoiar a 200 profesionais no crecemento e consolidación dos seus negocios
Ampliado o prazo de inscrición ata o 7 de xullo de 2023!
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade convoca para este ano 2023 unha nova edición do programa Mentoring para persoas traballadoras autónomas co que se busca axudar a estes profesionais no crecemento e consolidación dos seus negocios.
As persoas interesadas en participar nesta actuación autonómica, que se realiza da man da Fundación Ronsel, poden solicitar a súa praza desde hoxe e ata o próximo 30 de xuño. A Xunta, que inviste nesta actuación 250.000 euros, ofrece ata 200 prazas para esta iniciativa que vai dirixida principalmente a persoas traballadoras autónomas cunha antigüidade mínima de 42 meses na súa actividade e con domicilio fiscal en Galicia. Entre as persoas que cumpran as anteriores condicións, terán prioridade aquelas persoas traballadoras autónomas que teñan persoal contratado.
O Goberno galego quere con esta acción contribuír á sustentabilidade social empresarial e á mellora da competitividade deste colectivo que converte a Galicia na primeira comunidade autónoma en porcentaxe de autónomos respecto das afiliacións totais.
Os obxectivos son reducir os riscos das persoas traballadoras autónomas na súa actividade profesional; acompañalas na adaptación ou transformación dos seus negocios; mellorar as condicións de traballo para acadar un maior benestar laboral; e optimizar as áreas de xestión para contribuír ao incremento dos contactos profesionais e da actividade económica. Os requisitos e condicións do programa poden consultarse no buscador do portal de Emprego de Galicia e na Oficina do Autónomo e as inscricións poden realizarse a través do seguinte enlace.