Publicada a Orde cos novos módulos para a estimación obxectiva do IRPF e do réxime especial simplicado do IVE
O 21 de decembro o Boletín Oficial do Estado ten publicado a Orde HFP/1359/2023, de 19 de decembro, pola que se desenvolven para o ano 2024 o método de estimación obxectiva do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas e o réxime especial simplificado do Imposto Sobre o Valor Engadido.
En relación co Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas, mantéñense para o exercicio 2024 a contía dos signos, índices ou módulos, así como as instrucións de aplicación. Así mesmo, establécese unha redución do 5 por cento sobre o rendemento neto de módulos. Esta medida resulta aplicable a todos os contribuíntes que determinen o rendemento neto da súa actividade económica con arranxo ao método de estimación obxectiva.
Adicionalmente, para as actividades agrícolas e gandeiras, coa finalidade de compensar o incremento do custo de determinados insumos, establécese para o período impositivo 2024 que o rendemento neto previo poderá minorarse no 35 por cento do prezo de adquisición do gasóleo agrícola e no 15 por cento do prezo de adquisición dos fertilizantes, en ambos os casos, necesarios para o desenvolvemento das devanditas actividades. Estas minoracións xa se aplicaron en 2022 e 2023.
Polo que se refire ao Imposto sobre o Valor Engadido, a orde tamén mantén, para 2024, os módulos, así como as instrucións para a súa aplicación, aplicables no réxime especial simplificado no ano inmediato anterior.