A Xunta crea a Mesa do Comercio de Galicia para impulsar a colaboración entre administracións e axentes implicados en beneficio do sector comercial
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, presidiu o acto de constitución da Mesa do Comercio de Galicia, un órgano colexiado consultivo e de participación que exercerá de instrumento para unha adecuada colaboración entre as distintas administracións públicas e axentes implicados na defensa, fomento e mellora do tecido comercial galego. Enmarcanda no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, o conselleiro sinalou que permitirá mellorar a gobernanza e a colaboración público privada de cara ao impulso do sector, servindo de reforzo das Mesas Locais de Comercio xa existentes, que coordinan —neste caso— as accións dos concellos e das asociacións de comerciantes co gallo de dar claves e solucións específicas para cada contorna.
En concreto, a nova Mesa autonómica está constituída por representantes da Xunta, da Administración local a través da Fegamp, das cámaras de comercio, das persoas consumidoras, da patronal (CEG) e das federacións e asociacións de comerciantes e das prazas de abastos. A maiores, está representada a venda ambulante, as grandes empresas de distribución e as organizacións sindicais do sector comercial. En presenza dos diferentes integrantes, o conselleiro sinalou que o obxectivo do novo órgano é afondar no modelo de gobernanza compartido entre a Administración e a parte privada “non só para aconsellar nas políticas públicas senón tamén para facer propostas proactivas na mellora da situación do comercio local”.
Cunha reunión mínima anual, e creando mesas de carácter técnico se é necesario, a Mesa do Comercio de Galicia exercerá —entre outras— a función de formular propostas e suxestións para a mellora da planificación, xestión e avaliación das políticas públicas no ámbito do comercio; a de pronunciarse sobre liñas estratéxicas e prioridades de actuación e a de deseñar e propoñer programas formativos para o incremento da profesionalidade do sector.
A creación da Mesa do Comercio de Galicia encádrase no compromiso da Xunta co comercio local, no marco dunha ampla batería de apoios que inclúen medidas como as axudas clave para o sector comercial por case 4 M€, os Bonos Activa Comercio que teñen actualmente o prazo de adhesión dos establecementos aberto para este 2026, o impulso da formación para avanzar na profesionalización do sector ou a formación de aprendices en oficios artesanais que estreará unha nova liña dotada con 1 M€ este ano.
A maiores, cómpre mencionar as axudas para dinamizar e potenciar as prazas de abastos de Galicia e impulsar a súa certificación como Mercados Excelentes (2,3 M€), o impulso desta Rede de Mercados Excelentes cun novo plan e con accións como Prato de Mercado, que conecta as prazas cos restaurantes da contorna e a potenciación tamén de Artesanía no Prato, con accións para conectar artesanía e gastronomía.
