Axudas para a conciliación da persoa traballadora autónoma - 2022


  • 02/02/2022
  • 30/09/2022

TR341R - Axudas para a conciliación da persoa traballadora autónoma - 2022

Infografía explicativa

Data de publicación: 02/02/2022

Data inicio de solicitude: 03/02/2022

Data remate de solicitude: 30/09/2022

Obxecto

Esta orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas á conciliación da vida familiar e laboral de persoas traballadoras por conta propia ou autónomas, que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante as axudas reguladas nesta orde permitirase que a persoa traballadora por conta propia obteña unha compensación para a contratación dunha persoa durante un período máximo dun ano, para favorecer a conciliación da súa vida persoal e laboral e facilitar a continuidade e a consolidación do seu proxecto empresarial, contribuíndo a mitigar os graves prexuízos que nos traballadores e traballadoras autónomas provocou o brote da COVID-19 en Galicia.

Características da axuda

1. Bono autónomo concilia I.

a) Será subvencionable a contratación realizada por unha persoa traballadora autónoma durante un período máximo dun ano unha vez rematada a súa baixa por maternidade ou paternidade, sempre que a persoa beneficiaria cumpra os requisitos establecidos na orde.

b) Serán subvencionables as contratacións que se realicen cunha duración mínima de seis meses que, cumprindo cos requisitos enumerados no parágrafo anterior, se inicien entre o 1 de outubro de 2020 e o 30 de setembro de 2021.

c) O importe da subvención para compensar a dita contratación será de 500 € por mes completo, segundo a duración indicada na comunicación da contratación, cun máximo de doce meses de contratación. Nos casos de duración incerta, a subvención será polos meses indicados no anexo I, que serán os que se comprometa a persoa autónoma a ter a contratación vixente. Polo tanto, o importe máximo que se pode percibir será de 6.000 €.

2. Bono autónomo concilia II.

a) Será subvencionable a contratación realizada por unha persoa traballadora autónoma durante un período máximo dun ano, para o coidado de menores, maiores ou dependentes, sempre que a persoa beneficiaria cumpra os requisitos establecidos na presente orde.

b) Serán subvencionables as contratacións que se realicen para apoiar a persoa autónoma no coidado de menores e/ou maiores ou dependentes cunha duración mínima de seis meses que, cumprindo cos requisitos enumerados no parágrafo anterior, se inicien entre o 1 de outubro de 2021 e o 30 de setembro de 2022.

c) O importe da subvención para compensar a dita contratación será de 500 € por mes completo, segundo a duración indicada na comunicación da contratación, cun máximo de doce meses de contratación. Nos casos de duración incerta, a subvención será polos meses indicados no anexo I, que serán os que se comprometa a persoa autónoma a ter a contratación vixente. Polo tanto, o importe máximo que se pode percibir será de 6.000 €.

d) Canto se trate de contratacións cunha xornada a tempo parcial, a contía será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, na xornada máxima legal.

3. Bono autónomo para o servizo de coidado de menores.

a) Co obxecto de favorecer a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas emprendedoras, concederase unha subvención do 75 % do custo do centro ou do servizo de coidado de menores, ata un máximo de 3.000 €, para aquelas persoas autónomas que obteñan a subvención polo bono autónomo concilia I ou II nesta convocatoria.

b) No caso de que a persoa beneficiaria do bono autónomo concilia for unha sociedade ou comunidade de bens, a solicitude deste bono debe realizala a persoa autónoma societaria pola cal tivo dereito á axuda, indicando no anexo da solicitude a sociedade ou comunidade de bens que foi beneficiaria.

c) Serán subvencionables os gastos dos servizos de coidado de menores realizados no período subvencionable, que comprende do 1 de outubro de 2021 ao 30 de setembro de 2022. A contía máxima será a indicada no anexo I pola persoa solicitante.

4. Bono autónomo para o servizo de coidado de persoas maiores ou dependentes.

a) Co mesmo obxecto de favorecer a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas emprendedoras, concederase unha subvención do 75 % do custo do centro ou do servizo de coidado de persoas maiores e/ou dependentes das cales acredite a súa relación de parentesco ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade ou, de ser o caso, a acreditación da convivencia no mesmo domicilio, ata un máximo de 3.000 €, para aquelas persoas autónomas que obteñan a subvención polo bono autónomo concilia I ou II nesta convocatoria.

b) No caso de que a persoa beneficiaria do bono autónomo concilia for unha sociedade ou comunidade de bens, a solicitude deste bono debe realizala a persoa autónoma societaria pola cal tivo dereito á axuda, que indicará no anexo da solicitude a sociedade ou comunidade de bens que foi beneficiaria.

c) Serán subvencionables os gastos dos servizos de coidado de persoas maiores ou dependentes polos que obtivo o bono autónomo concilia I ou II, realizados no período subvencionable, que comprende do 1 de outubro de 2021 ao 30 de setembro de 2022. A contía máxima será a indicada no anexo I pola persoa solicitante.

As axudas do bono autónomo para o servizo do coidado de menores e do bono autónomo para o servizo do coidado de persoas maiores ou dependentes serán compatibles entre si.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas traballadoras que estean dadas de alta no réxime especial da Seguridade Social de persoas traballadoras por conta propia ou autónomas, que segundo o anexo I teña o seu centro de traballo (ou domicilio social, no caso de carecer deste) na Comunidade Autónoma de Galicia, e que cumpran os requisitos establecidos no artigo 6 da orde.

Tamén serán beneficiarias as sociedades e as comunidades de bens que realicen unha contratación nas mesmas condicións que no parágrafo anterior con respecto ás persoas autónomas societarias.


Publicación DOG

Corrección de erros

Ficha informativa sede electrónica

Válido dende: 
mércores, 2 Febreiro, 2022
Válido ate: 
venres, 30 Setembro, 2022