Subvencións para o fomento do emprendemento en economía social - Programa II - 2023
- 10/02/2023
- 15/09/2023
-
Etapa
TR802J - Subvencións para o fomento do emprendemento en economía social - Programa II - 2023
Data de publicación: 10/02/2023
Data inicio de solicitude: 11/02/2023
Data remate de solicitude: 15/09/2023
Obxecto
Esta orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as subvencións coa finalidade de fomentar a incorporación de persoas desempregadas e persoas traballadoras a cooperativas e sociedades laborais e proceder á súa convocatoria para o ano 2023, en concreto atendendo ao Programa II: fomento do acceso á condición de persoa socia.
Este programa II está dirixido ao fomento do acceso á condición de persoas socias traballadoras ou de traballo, de cooperativas ou de sociedades laborais, así como ao fomento do acceso de persoas emprendedoras por conta propia á condición de socias de cooperativas. Este acceso facilítase mediante o financiamento das achegas económicas ao capital social que debe desembolsarse para a incorporación como socio ou socia.
Características da axuda
As subvencións previstas neste programa II poderán ascender ás contías seguintes:
a) Para as persoas beneficiarias previstas no artigo 30.1, alíneas a), b) c) e d), e no artigo 30.2, ata 6.000,00 €.
b) Para as persoas beneficiarias previstas no artigo 30.1, alínea e), ata 3.000,00 €.
As contías sinaladas incrementaranse nas porcentaxes que se sinalan a seguir, que son acumulables entre si:
a) Un 25 % se a persoa beneficiaria é unha muller.
b) Un 25 % se a persoa beneficiaria ten discapacidade ou se atopa en situación ou risco de exclusión social.
c) Un 25 % se a persoa incorporada ten unha discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral.
d) Un 25 % se a persoa beneficiaria ten máis de 45 anos.
e) Un 25 % se a persoa beneficiaria ten a condición de emigrante retornada.
f) Un 25 % se a persoa ten a condición de trans.
g) Un 25 % no caso de que o centro de traballo a que se incorpora a persoa socia estea situado nun concello rural.
h) Un 25 % se se trata dunha cooperativa xuvenil.
i) Un 25% se se trata de unha entidade de nova creación constituída inicialmente con catro ou máis persoas socias traballadoras.
Para a aplicación dos citados incrementos teranse en conta as circunstancias que consten acreditadas no momento de ditar a proposta de resolución.
Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias deste programa II as persoas que accedan á condición de persoa socia traballadora ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral con carácter indefinido, que desenvolvan a súa actividade nun centro de traballo situado na Comunidade Autónoma de Galicia e que no momento da súa incorporación cumpran algunha das condicións seguintes:
a) Ser persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego.
b) Ser persoas socias a proba da cooperativa á cal se incorporan.
c) Ser persoas asalariadas da cooperativa ou sociedade laboral á cal se incorporan.
d) Ser persoas asalariadas dunha empresa que se transforme nunha cooperativa ou sociedade laboral, sempre que non teñan a condición de socias da empresa transformada.
e) Ser persoas socias traballadoras ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral a tempo parcial que accedan á mesma condición a tempo completo.
Tamén poderán ser beneficiarias as persoas que, sendo desempregadas e inscritas como demandantes de emprego, emprendan unha actividade por conta propia e se incorporen nunha cooperativa como persoas socias con carácter indefinido, con compromiso de exclusividade, para comercializaren os seus produtos, obter subministracións, servizos e a asistencia técnica que precisen, sempre que teñan o seu domicilio social e fiscal en Galicia.
A incorporación como persoa socia na cooperativa deberá producirse dentro do período de execución establecido. Entre o inicio da actividade por conta propia e a dita incorporación non poden ter transcorrido máis de dous anos.