Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas (Financiamento Igape-pemes) - 2023


  • 11/05/2023
  • 29/09/2023
Accede dende aquí

IG535A - Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio coas sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas (Financiamento Igape-pemes) - 2023

Data de publicación: 11/05/2023

Data de inicio solicitude: 12/05/2023

Data de remate solicitude: 29/09/2023

Obxecto

Esta Resolución ten por finalidade establecer o marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca (SGR) e as entidades de crédito adheridas, que se desagrega nas liñas de financiamento específicas detalladas.

Características da axuda

As características, finalidades, importes máximos e mínimos, e condicións das operacións financeiras apoiadas serán as detalladas para cada liña de financiamento recollida no anexo I.

Axuda do Igape en forma de garantía.

Naquelas liñas de financiamento nas que así se contemple no anexo I, a axuda do Igape poderá consistir no reaval do Igape durante a vixencia da operación avalada e, en todo caso, co máximo de 7 anos, en garantía dun máximo do 25 % do risco asumido pola SGR, de acordo co previsto na normativa vixente de avais do Igape.

Con carácter xeral, o reaval do Igape ante as SGR será do 25 % do risco asumido pola SGR, salvo nos casos nos que a SGR combine este coa cobertura de reavais doutros organismos públicos ou dependentes da Administración.

O cálculo da subvención bruta equivalente implícita na axuda en forma de garantía, determinarase segundo a seguinte fórmula de cálculo simplificada:

Subvención bruta equivalente = 2 × (importe do reaval en euros) × (prazo de vixencia do reaval en anos)/75.

Axuda do Igape en forma de subsidiación de gastos financeiros.

Nas liñas de financiamento en que así se recolla no anexo I, a axuda do Igape poderá consistir nunha bonificación do tipo de xuro nominal e/ou das comisións de aval das operacións de préstamo acollidas as bases desta Resolución.

A axuda que se aboará ao titular calcularase do seguinte xeito:

– Calcularanse os valores absolutos dos puntos que se percibirán durante o período establecido para cada modalidade incluída no anexo I.

– Actualizaranse os valores absolutos obtidos anteriormente, utilizando como taxa de actualización o tipo de xuro legal do diñeiro correspondente ao ano da concesión da operación financeira.

Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases as pequenas e medianas empresas que:

a) Teñan o seu domicilio fiscal e desenvolvan a súa actividade económica en Galicia.

b) Cumpran os requisitos e condicións establecidos para a correspondente liña de financiamento, que se detallan no anexo I da Resolución.

As pequenas e medianas empresas poderán ser persoas físicas ou xurídicas.

Tamén poderán ter a condición de persoas beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, as sociedades civís, ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, cumpran os requisitos establecidos.

Considéranse atendibles todas as actividades, salvo as que expresamente se exclúan, se é o caso, para cada liña de financiamento conforme ao recollido no anexo I.

Válido dende: 
xoves, 11 Maio, 2023
Válido ate: 
venres, 29 Setembro, 2023