Programa Nova oportunidade das persoas traballadoras autónomas - 2023
- 31/05/2023
- 31/10/2023
-
Etapa
TR790A - Programa Nova oportunidade das persoas traballadoras autónomas - 2023
Data de publicación: 31/05/2023
Data de inicio solicitude: 01/06/2023
Data de remate solicitude: 31/10/2023
Obxecto
Esta Orde ten por finalidade establecer as bases e convocar as axudas para as persoas traballadoras autónomas que cesaron na súa actividade e van volver emprender un negocio como persoas traballadoras autónomas e son demandantes de emprego no momento previo á nova alta como persoa traballadora autónoma.
A súa finalidade é facilitar a volta á actividade económica á persoa emprendedora a quen lle foi mal no seu anterior negocio pero ten a experiencia práctica e a iniciativa de volver a emprender, no mesmo ou diferente sector.
O programa ten como apoio o Bono alta nova oportunidade para axudar a posta en marcha do novo negocio.
Características da axuda
A axuda do Bono alta nova oportunidade será dunha contía de 10.000 € ás persoas que cumpran os requisitos establecidos.
Persoas beneficiarias
Serán beneficiarias destas axudas as persoas autónomas que teñan sido autónomas con anterioridade, que queren volver a emprender, e cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter causado alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, no período do 31 de outubro de 2022 ao 30 de outubro de 2023.
b) Ter cotizado anteriormente a esta nova alta polo menos durante 3 meses ininterrompidos na súa vida laboral no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.
c) Estar inscrita como persoa demandante de emprego nos servizos públicos de emprego con carácter previo á nova alta e carecer de ocupación efectiva, non ter contrato laboral en vigor e atoparse en tal situación na data inmediatamente anterior á de inicio da actividade laboral.
d) Transcorrer un período mínimo de tres meses entre a nova alta na Seguridade Social e a anterior baixa.
e) Ter o domicilio fiscal en algún concello de Galicia e desenvolver a súa nova actividade económica ou profesional en Galicia.
f) Ter iniciada a actividade con anterioridade á presentación da solicitude de subvención.
As persoas traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarias das axudas deste programa cando formen parte de comunidades de bens, sociedades civís ou outras entidades sen personalidade xurídica de nova creación, sempre que as soliciten a título persoal. Neste caso, a entidade deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude e non con anterioridade ao período subvencionable.