Axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios - 2024
- 05/01/2024
- 29/03/2024
-
Etapa
MR340A - Axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios - 2024
Data de publicación: 05/01/2024
Data de inicio solicitude: 06/01/2024
Data de remate solicitude: 29/03/2024
Obxecto
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases reguladoras e a convocatoria das axudas da Consellería do Medio Rural para os investimentos en transformación, comercialización e/ou desenvolvemento de produtos agrícolas.
Características da axuda
Considéranse incentivables:
1. Con carácter xeral, os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, considerando como tales os produtos enumerados no anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, excepto os produtos da pesca.
Así mesmo, poderán subvencionarse investimentos relativos a procesos de transformación en que interveñan produtos non incluídos no anexo I do Tratado, se estes son un compoñente menor do produto final. Considerarase que son un compoñente menor cando a cantidade ou o valor económico total deles non supere o 25 % do peso ou valor económico total do produto final.
2. Os produtos resultantes dos procesos de transformación e/ou comercialización poderán ser produtos agrarios (incluídos no anexo I do Tratado) ou non agrarios (non incluídos no anexo I do Tratado).
Os proxectos nos que o importe total dos investimentos subvencionables sexa inferior a 60.000 € non serán subvencionables.
Os tipos de gasto incentivables son os seguintes:
a) Construción, adquisición e mellora de bens inmobles. A compra de terreos ata un valor do 10 % do total dos gastos subvencionables.
b) Compra de maquinaria e equipamentos novos, ata o seu valor de mercado.
c) Os seguintes investimentos intanxibles: adquisición ou desenvolvemento de programas informáticos, así como adquisicións de patentes, licenzas, dereitos de autor e marcas rexistradas relacionadas cos procesos produtivos.
d) Os custos xerais vinculados ás letras a) e b) anteriores consistentes en honorarios de proxecto e dirección de obra, así como en estudos de viabilidade. En todo caso o importe admisible nestes custos non poderá superar o 12 % do importe total dos investimentos subvencionables das letras a), b) e c) anteriores.
As porcentaxes máximas de axuda serán as seguintes:
Tipo de produto final | Microempresas e pequenas empresas | Empresas medianas | Grandes empresas |
---|---|---|---|
Incluídos no Anexo I do Tratado | 50% | 50% | 50% |
Non incluídos no Anexo I do Tratado | 35% | 25% | 15% |
Persoas beneficiarias
Poderán acollerse a estas axudas as persoas empresarias individuais ou sociedades que sexan ou vaian ser titulares de instalacións obxecto da axuda dedicadas á transformación e/ou a comercialización de produtos do anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, e sobre as cales recaia a carga financeira dos investimentos e gastos que se consideren incentivables.