Préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia - 2024


  • 15/01/2024
  • 29/11/2024

IG408B - Préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia - 2024

Data de publicación: 15/01/2024

Data de inicio solicitude: 16/01/2024

Data de remate solicitude: 29/11/2024 ou esgotamento do crédito dispoñible

Obxecto

Esta Resolución ten por obxecto publicar as bases reguladoras e a convocatoria dos préstamos directos do Igape para o financiamento empresarial en Galicia.

Características da axuda

O Igape poderá financiar actuacións empresariais vinculadas a unha actividade económica, viables, que cumpran ademais os requisitos específicos establecidos no anexo I para cada modalidade de préstamo.

Serán financiables os investimentos e gastos que cumpran os requisitos das bases establecidas, realizados e pagados unha vez presentada a solicitude, e dentro do prazo concedido para a execución da actuación.

Poderán ser financiados os seguintes conceptos:

a) Bens tanxibles cuxo uso previsto pola beneficiaria sexa a produción ou subministración de bens ou servizos, ou ben para fins administrativos: terreos e bens naturais, construcións, instalacións técnicas, maquinaria, útiles, outras instalacións, mobiliario, equipamentos para proceso de información e elementos de transporte, así como outro inmobilizado material necesario para o desenvolvemento da actividade. Exclúense os investimentos inmobiliarios, entendendo como tales os activos inmobles que se adquiran ou constrúan para obter rendas, plusvalías ou ambas.

b) Bens intanxibles, tales como investigación, desenvolvemento, concesións administrativas, propiedade industrial ou intelectual, dereitos de traspaso e aplicacións informáticas.

c) Gastos de investigación, desenvolvemento e innovación, aínda que contablemente teñan a consideración de gasto corrente, por non cumprirse as condicións para a súa activación previstas nas normas particulares sobre o inmobilizado intanxible recollidas no vixente Plan xeral de contabilidade, por canto, unha vez finalizado o prazo para xustificar o proxecto, poidan non presentarse motivos fundados de éxito técnico e rendibilidade económica-comercial.

d) Capital de explotación: entendendo como tal o incremento permanente de capital corrente necesario para a actividade.

As características específicas de cada modalidade de préstamo, serán as detalladas no anexo I da Resolución.

Con carácter xeral, os préstamos do Igape serán contratos bilaterais entre a beneficiaria e o Igape. Non obstante, para as modalidades do anexo I que o recollan expresamente, poderán formalizarse contratos de préstamo sindicado nos que participen entidades financeiras que cofinancien a actuación, compartindo riscos e garantías, sempre e cando así se autorice no acordo de concesión. Nestes supostos, o Igape non actuará en ningún caso como entidade axente do sindicato bancario.

O tipo de xuro nominal anual será fixo, determinado no momento da concesión como resultado de restar ao tipo de mercado determinado conforme o establecido no anexo II das bases reguladoras, unha bonificación, de ser o caso, de ata un máximo de 5 puntos porcentuais. En ningún caso o tipo de xuro resultante será inferior ao 0 %.

Con carácter xeral, as operacións financeiras concedidas ao abeiro destas bases inclúen unha axuda implícita, materializada na redución no tipo de xuro de mercado determinado coa metodoloxía descrita no anexo III, calculando o valor actual neto da diferencia das cotas a pagar do préstamo a tipo de mercado e o préstamo a tipo reducido.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias dos préstamos regulados nestas bases aquelas empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Realicen unha iniciativa empresarial nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Cumpran as condicións establecidas especificamente para a correspondente modalidade de préstamo, conforme os requisitos que se detallan no anexo I da Resolución.

Para as modalidades de préstamo especificamente indicadas no anexo I da Resolución, poderán ser tamén beneficiarias as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, agrupacións de interese económico, as sociedades civís e comunidades de bens. Cando non teñan personalidade xurídica, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como no acordo de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe das axudas que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiaria correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007.

Válido dende: 
luns, 15 Xaneiro, 2024
Válido ate: 
venres, 29 Novembro, 2024