Axudas dos Bonos Talento empresa para a realización de proxectos formativos de curta duración - 2024


  • 25/06/2024
  • 16/09/2024

TR302D - Axudas dos Bonos Talento empresa para a realización de proxectos formativos de curta duración - 2024

Data de publicación: 25/06/2024

Data inicio de solicitude: 26/06/2024

Data remate de solicitude: 16/09/2024

Obxecto

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas dos Bonos Talento empresa destinados á formación non formal mediante a realización de proxectos formativos de curta duración que teñan como obxectivo mellorar as capacidades das empresas e contribuír ao desenvolvemento profesional dos seus cadros de persoal.

Características da axuda

As actuacións subvencionables son accións formativas de carácter non formal de curta duración (entre 16 e 100 horas), destinadas a contribuír ao desenvolvemento profesional das persoas traballadoras ocupadas por conta allea do cadro de persoal da entidade beneficiaria e a mellorar a competitividade das súas empresas.

As accións formativas estarán orientadas á adquisición de competencias comprendidas entre os ámbitos de capacitación prioritarios detectados nas mesas de traballo con empresas e axentes sociais realizadas no marco da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego. Estes ámbitos son:

a) As competencias dixitais, desde a dixitalización básica (traballo colaborativo con ordenadores, ofimática nivel usuario de paquetes ofimáticos sectoriais e especializados ou uso de dispositivos, etc.) ata a adquisición de competencias e coñecementos técnicos avanzados (programar sistemas informáticos, configurar e protexer sistemas informáticos, acceder a e analizar datos dixitais, etc.), a adquisición de coñecementos de tecnoloxías innovadoras ou disruptivas, etc.

b) As competencias das persoas traballadoras en procesos industriais, incluída a manipulación de maquinaria especializada, coñecementos e técnicas do ámbito da construción, técnicas de soldadura, instalación de compoñentes, deseño ou interpretación de documentación ou diagramas técnicos, entre outros.

c) As competencias vinculadas á xestión empresarial, incluídas as competencias de xestión de persoas e equipos (recursos humanos e xestión do talento, xestión de proxectos, etc.), a xestión eficiente dos recursos, a toma de decisións e a planificación estratéxica ou a realización de tarefas administrativas, financeiras e contables, etc.

d) As competencias de prestación de servizos a clientes, tanto vinculadas a promover, vender e comprar produtos ou servizos como relativas á atención ao cliente (orientación e asesoramento, satisfacción do cliente, asistencia postvenda, xestión de reclamacións, etc.) e á atención telefónica.

e) As competencias do ámbito asistencial, incluída a prestación de coidados (asistencia a persoas enfermas, con problemas de mobilidade e maiores, entre outras), técnicas e coñecementos sanitarios, de diagnóstico ou de medicina preventiva ou de benestar, entre outros.

As accións formativas solicitadas non deben atoparse incluídas na oferta de formación, formal e non formal, recollida no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE). Para facilitar a comprobación da oferta formativa actual do catálogo ponse ao dispor nas seguintes ligazóns:

Portal de Emprego

Portal do SEPE

Estas accións formativas deberán ser executadas en modalidade presencial e poderase impartir na súa totalidade ou parcialmente mediante «aula virtual». Para estes efectos considérase aula virtual á contorna de aprendizaxe onde a persoa titora-formadora e as alumnas e alumnos interactúan, de forma concorrente e en tempo real, a través dun sistema de comunicación telemático de carácter síncrono que permita levar a cabo un proceso de intercambio de coñecementos co fin de posibilitar unha aprendizaxe das persoas que participan na aula.

Poderán participar nas accións formativas obxecto de financiamento:

a) As persoas traballadoras ocupadas por conta allea que presten os seus servizos nas entidades beneficiarias destas axudas e estean adscritas ao centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) As persoas traballadoras ocupadas por conta allea que se atopen contratadas baixo a modalidade de fixas descontinuas poderán realizar a formación tanto nos períodos de ocupación como de non ocupación.

A metodoloxía para calcular a contía da subvención, para os efectos da súa concesión, xustificación e liquidación, así como para a determinación e cuantificación económica dos supostos de incumprimento que, de ser o caso, se produzan, axustarase ao réxime de módulos de acordo co disposto nos artigos 52 ao 55 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

A contía máxima da subvención por entidade solicitante non poderá ser superior a 25.000 euros, e a intensidade da axuda está limitada ao:

50% dos custos subvencionables para as grandes empresas.

60% dos custos subvencionables para as medianas empresas.

70% dos custos subvencionables para as pequenas empresas e microempresas.

O gasto máximo subvencionable de cada acción formativa determinarase mediante a suma de:

a) 16,70 euros por hora de formación polo número de persoas asalariadas pertencentes ao cadro de persoal da entidade solicitante que realizan a acción formativa.

b) 17,93 euros por hora de formación para cubrir o salario aboado ás persoas asalariadas polo número de persoas asalariadas pertencentes ao cadro de persoal da entidade solicitante que participan na acción formativa.

Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas benecificiarias as microempresas, pequenas e medianas empresas (pemes) e grandes empresas, atendendo á definición feita polo artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, validamente constituídas e con actividade ininterrrompida, cando menos, desde tres anos antes da data de publicación da presente convocatoria, con centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver a actividade para a que solicitan a subvención, que posúan capacidade técnica e financeira suficiente para a execución das accións subvencionadas.

Tamén poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas que teñan contratadas ao seu cargo persoas traballadoras por conta allea, validamente inscritas no réxime especial de traballadores autónomos ou no réxime especial de traballadores do mar por conta propia, con centro de traballo en Galicia e cunha antigüidade como cotizante igual ou superior a tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data de publicación da presente convocatoria.


Publicación DOG

Ficha informativa sede electrónica

Válido dende: 
martes, 25 Xuño, 2024
Válido ate: 
luns, 16 Setembro, 2024