Axudas para a conciliación - 2025


  • 31/01/2025
  • 28/02/2025

TR357D - Axudas para a conciliación - 2025

Data de publicación: 31/01/2025

Data inicio de solicitude: 01/02/2025

Data remate de solicitude: 28/02/2025

Obxecto

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas e incentivos a pemes, a persoas traballadoras autónomas con persoas traballadoras a cargo para adoptar medidas de corresponsabilidade e de conciliación da vida familiar, persoal e laboral.

Esta liña de axudas comprende tres subliñas:

Subliña II.1. Incentivos para fomento do teletraballo: incentivarase a adopción de acordos laborais de teletraballo.

Subliña II.2. Incentivos para o fomento da flexibilidade horaria. Incentivarase a adopción de acordos laborais de flexibilidade horaria.

Subliña II.3. Subvencións para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten o teletraballo.

Características da axuda

Subliña 1. Incentivos económicos para o fomento do teletraballo

O teletraballo, xa forme parte da descrición inicial do posto de traballo ou se inicie posteriormente, debe, en ambos os casos, documentarse mediante o «acordo individual de teletraballo» que deberá cumprir con todos os requisitos establecidos na Lei 10/2021, do 9 de xullo, de traballo a distancia.

O acordo de teletraballo debe indicar, de forma separada e numerada, o contido mínimo establecido no artigo 7 da Lei 10/2021, do 9 de xullo, de traballo a distancia, debendo fixar un número mínimo de horas de dedicación ao teletraballo que non poderá ser inferior ao 30 % da xornada semanal ordinaria.

As axudas consistirán nun incentivo de 2.000 euros por persoa traballadora cun acordo de teletraballo, ben por adaptación do contrato que teña na empresa ou ben pola realización dun novo contrato para unha persoa non vinculada á empresa, co límite máximo de 8.000 euros por empresa.

O límite máximo incrementarase en 1.000 euros para aquelas empresas en que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual ca masculina.

Subliña 2. Incentivos económicos para o fomento da flexibilidade horaria

O acordo adoptado deberá detallar as medidas que se van implantar de xeito que queden reflectidas as melloras propostas con respecto á situación anterior e o compromiso de que as ditas medidas se manterán durante a duración do acordo.

As axudas consistirán nun incentivo de 8.000 euros por empresa solicitante.

O límite máximo incrementarase en 1.000 euros para aquelas empresas en que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.

Subliña 3. Subvencións para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten o teletraballo

Será subvencionable a adquisición de elementos tecnolóxicos seguintes: computador persoal, medios materiais para o acceso a internet e aqueles periféricos necesarios para as tarefas que se van desenvolver: webcam, impresora, escáner e demais compoñentes de hardware imprescindibles para a implantación efectiva do teletraballo, coa finalidade de fomentar o uso de tecnoloxías da información e comunicación (TIC) como unha medida de conciliación laboral, persoal e familiar.

As axudas consistirán nunha subvención de ata o 80 % do investimento, co tope de 1.500 euros por persoa traballadora beneficiada e co límite máximo de 20.000 euros por empresa. 

A axuda verase incrementada nun 10 % para aquelas empresas en que a taxa de ocupación feminina sexa, cando menos, igual á masculina.

Persoas beneficiarias

Subliña 1. Incentivos económicos para o fomento do teletraballo

Poderán ser beneficiarias as empresas que alén de cumprir cos requisitos establecidos, non pertenzan aos sectores da economía da tecnoloxía da información e a comunicación (TIC) e que:

a) Formalicen, polo menos, un acordo de teletraballo, por un período de tempo non inferior a dous anos, cunha persoa xa vinculada á empresa por contrato laboral e xornada completa, cunha antigüidade de polo menos un ano, e/ou

b) Contraten ex novo a persoal na modalidade de teletraballo a xornada completa, e asinen coa persoa traballadora un acordo que regule esta situación por un período de tempo non inferior a dous anos.

Subliña 2. Incentivos económicos para o fomento da flexibilidade horaria

Poderán ser beneficiarias as empresas que, alén de cumprir cos requisitos definidos, establezan nun convenio colectivo de empresa, ou mediante un acordo entre a empresa e quen exerza a representación legal das persoas traballadoras ou, na súa falta, coa totalidade do cadro de persoal, medidas de flexibilidade horaria. Poderá acordarse calquera medida de flexibilidade como sistemas de compensación de días e horas, xornada laboral continua ou semana laboral comprimida, permisos especiais no caso de emerxencias familiares e por un período non inferior a dous anos.

Subliña 3. Subvencións para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten o teletraballo

Poderán ser beneficiarias as empresas que conten cos requisitos establecidos e teñan formalizado acordos de teletraballo en vigor na data de presentación da solicitude, que deberán cumprir con todos os requisitos establecidos na Lei 10/2021, do 9 de xullo, de traballo a distancia.

Non serán beneficiarias destas subvención aquelas empresas que pertenzan a sectores TIC da economía.

Se a solicitude é para as subliñas 1 e 3, as empresas deberán contar cun mínimo dunha persoa traballadora, e se a solicitude é para a subliña 2, as empresas deberán contar cun mínimo de cinco persoas traballadoras.

Para todas as liñas será necesario que as entidades solicitantes teñan unha taxa de estabilidade cando menos do 50 % desde o 1 de xaneiro de 2025 e durante todo o período de execución das axudas. Para o cálculo desta porcentaxe só se terán en conta as persoas traballadoras con contratos indefinidos a tempo completo sobre o total dos contratos das persoas traballadoras da empresa.


Publicación DOG

Ficha informativa sede electrónica

Válido dende: 
venres, 31 Xaneiro, 2025
Válido ate: 
venres, 28 Febreiro, 2025