Axudas Foexga (Fomento das exportacións galegas) - 2026


  • 16/01/2026
  • 30/10/2026

IG422G - Axudas Foexga (Fomento das exportacións galegas) - 2026

Data de publicación: 16/01/2026

Data inicio de solicitude: 24/01/2026

Data remate de solicitude: 30/10/2026

Obxecto

Esta Resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar as axudas Foexga, destinadas a incentivar e reforzar o comercio exterior e a internacionalización das pemes galegas.

O obxectivo fundamental destas axudas é apoiar a internacionalización efectiva das pemes de Galicia, facilitando a comercialización dos seus bens e servizos nos mercados exteriores.

Características da axuda

Será subvencionable a participación agrupada nas seguintes actuacións de internacionalización organizadas e executadas por unha entidade colaboradora adherida en que participen un mínimo de dúas empresas, aínda que só unha teña dereito a subvención:

a) Participación en feiras ou noutros eventos expositivos internacionais.

b) Visitas a feiras internacionais.

c) Misións institucionais.

d) Misións comerciais directas: só será subvencionable esta actividade se as empresas participantes coinciden plenamente tanto no país ou países de destino como no período de realización da misión. Isto significa que as actividades deben desenvolverse de forma simultánea, garantindo unha agrupación efectiva. Non serán consideradas válidas aquelas misións en que as empresas participen de maneira illada ou en momentos distintos dentro da mesma misión, xa que o obxectivo é fomentar unha colaboración real e coordinada entre as empresas participantes

Estas actividades deberán executarse preferentemente nos países que se recollen no anexo III da Resolución.

Serán subvencionables aqueles gastos que correspondan de xeito indubidable á natureza da actuación subvencionada, resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do plan para o cal foron concibidos e sexan facturados polas entidades colaboradoras.

A contía da axuda será dunha subvención do 70 % dos custos directos subvencionables relacionados.

Ademais, engádese a subvención dos custos indirectos do proxecto, correspondente a un tipo fixo do 7 % sobre os custos directos subvencionables ao abeiro do disposto no artigo 54.a) do Regulamento (UE) nº 2021/1060 (RDC), o que resulta nunha intensidade de axuda do 71,96 %.

Os límites máximos de gasto subvencionable (custos indirectos incluídos) para as pemes serán os seguintes:

- 32.000 € por participación en feiras e outros eventos expositivos de carácter internacional.

- 8.000 € por participación en misións comerciais, misións institucionais e visitas a feiras. O límite será de 10.000 € cando as anteriores accións se realicen en máis dun país.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas, incluídos os autónomos, que cumpran cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, incluídas as pemes con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos e que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo, emitido a partires do 1 de xaneiro de 2013.


Publicación DOG

Ficha informativa sede electrónica

Válido dende: 
venres, 16 Xaneiro, 2026
Válido ate: 
venres, 30 Outubro, 2026