Programa de axudas para adoptar medidas de corresponsabilidade e de conciliación da vida familiar, persoal e laboral - 2026


  • 18/02/2026
  • 18/03/2026

TR357D - Programa de axudas para adoptar medidas de corresponsabilidade e de conciliación da vida familiar, persoal e laboral - 2026

Data de publicación: 18/02/2026

Data inicio de solicitude: 19/02/2026

Data remate de solicitude: 18/03/2026

Obxecto

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas e incentivos a pemes e a persoas traballadoras autónomas con persoas traballadoras a cargo para adoptar medidas de corresponsabilidade e de conciliación da vida familiar, persoal e laboral.

Características da axuda

Esta liña de axudas comprende tres subliñas:

Subliña II.1. Incentivos para fomento do teletraballo: incentivarase a adopción de acordos laborais de teletraballo.

Poderán ser beneficiarias, as empresas que, alén de cumpriren cos requisitos definidos, non pertenzan aos sectores da economía da tecnoloxía da información e da comunicación (TIC) e que:

a) Formalicen, polo menos, un acordo de teletraballo, por un período de tempo non inferior a dous anos, cunha persoa xa vinculada á empresa por contrato laboral e xornada completa, cunha antigüidade de polo menos un ano, e/ou

b) Contraten ex novo persoal na modalidade de teletraballo a xornada completa, e asinen coa persoa traballadora un acordo que regule esta situación por un período de tempo non inferior a dous anos.

O teletraballo, xa forme parte da descrición inicial do posto de traballo ou se inicie posteriormente, debe en ambos os casos documentarse mediante o «acordo individual de teletraballo» que deberá cumprir con todos os requisitos establecidos na Lei 10/2021, do 9 de xullo, de traballo a distancia.

O acordo de teletraballo debe indicar, de forma separada e numerada, o contido mínimo establecido no artigo 7 da Lei 10/2021, do 9 de xullo, de traballo a distancia, e debe fixar un número mínimo de horas de dedicación ao teletraballo que non poderá ser inferior ao 30 % da xornada semanal ordinaria.

As axudas consistirán nun incentivo de 2.000 euros por persoa traballadora cun acordo de teletraballo, ben por adaptación do contrato que teña na empresa ou ben pola realización dun novo contrato para unha persoa non vinculada á empresa, co límite máximo de 8.000 euros por empresa.

O límite máximo incrementarase en 1.000 euros para aquelas empresas en que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.

Subliña II. 2. Incentivos para o fomento da flexibilidade horaria: incentivarase a adopción de acordos laborais de flexibilidade horaria.

Poderán ser beneficiarias as empresas que, alén de cumpriren cos requisitos definidos, establezan nun convenio colectivo de empresa, ou mediante un acordo entre a empresa e quen exerza a representación legal das persoas traballadoras ou, na súa falta, coa totalidade do cadro de persoal, medidas de flexibilidade horaria. Poderá acordarse calquera medida de flexibilidade como sistemas de compensación de días e horas, xornada laboral continua ou semana laboral comprimida, permisos especiais no caso de emerxencias familiares e por un período non inferior a dous anos.

O acordo adoptado deberá detallar as medidas que se van implantar de xeito que queden reflectidas as melloras propostas con respecto á situación anterior e o compromiso de que as ditas medidas se manterán durante a duración do acordo.

As axudas consistirán nun incentivo de 8.000 euros por empresa solicitante.

O límite máximo incrementarase en 1.000 euros para aquelas empresas en que a taxa de ocupación feminina sexa, polo menos, igual á masculina.

Subliña II.3. Subvencións para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten o teletraballo.

Poderán ser beneficiarias as empresas que conten cos requisitos definidos e teñan formalizados acordos de teletraballo en vigor na data de presentación da solicitude, que deberán cumprir con todos os requisitos establecidos na Lei 10/2021, do 9 de xullo, de traballo a distancia.

Non serán beneficiarias destas subvencións aquelas empresas que pertenzan a sectores TIC da economía.

Será subvencionable a adquisición de elementos tecnolóxicos seguintes: computador persoal, medios materiais para o acceso á internet e aqueles periféricos necesarios para as tarefas que se vaian desenvolver: webcam, impresora, escáner e demais compoñentes de hardware imprescindibles para a implantación efectiva do teletraballo, coa finalidade de fomentar o uso de tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) como unha medida de conciliación laboral, persoal e familiar.

As axudas consistirán nunha subvención de ata o 80 % do investimento, co tope de 1.500 euros por persoa traballadora beneficiada e co límite máximo de 20.000 euros por empresa.

A axuda verase incrementada nun 10 % para aquelas empresas en que a taxa de ocupación feminina sexa, cando menos, igual á masculina.

Persoas beneficiarias

As empresas beneficiarias poderán ser pemes ou persoas traballadoras autónomas, que teñan subscritos contratos con persoas traballadoras por conta allea con domicilio social e centro de traballo en Galicia, calquera que sexa a súa forma xurídica, e que estean validamente constituídas no momento de presentar a solicitude de axudas.

As entidades sen ánimo de lucro poderán presentar solicitude para a subliña 1 e a subliña 2 da liña II.

Para a liña II, se a solicitude é para as subliñas 1 e 3 as empresas deberán contar cun mínimo dunha persoa traballadora e se a solicitude é para a subliña 2, as empresas deberán contar cun mínimo de cinco persoas traballadoras.

Será necesario que as entidades solicitantes teñan unha taxa de estabilidade cando menos do 50 % desde o 1 de xaneiro de 2025 e na data da súa xustificación. Para o cálculo desta porcentaxe só se terán en conta as persoas traballadoras con contratos indefinidos a tempo completo sobre o total dos contratos das persoas traballadoras da empresa.


Publicación boletín

Ficha informativa sede

Válido dende: 
mércores, 18 Febreiro, 2026
Válido ate: 
mércores, 18 Marzo, 2026