Bonos Talento empresa


  • 22/05/2026
  • 03/08/2026

TR302D - Bonos Talento empresa - 2026

Data de publicación: 22/05/2026

Data inicio de solicitude: 02/06/2026

Data remate de solicitude: 03/08/2026

Obxecto

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as subvencións destinadas á formación non formal mediante a realización de proxectos formativos de curta duración que teñan como obxectivo mellorar as capacidades das empresas e contribuír ao desenvolvemento profesional dos seus cadros de persoal.

Características da axuda

As actuacións subvencionables son accións formativas de carácter non formal de curta duración, destinadas a contribuír ao desenvolvemento profesional das persoas traballadoras ocupadas por conta allea do cadro de persoal da entidade beneficiaria e a mellorar a competitividade das súas empresas.

As accións formativas estarán orientadas á adquisición de competencias comprendidas entre os ámbitos de capacitación prioritarios detectados nas mesas de traballo con empresas e axentes sociais, realizadas no marco da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego.

Estes ámbitos son:

a) As competencias dixitais, desde a dixitalización básica (traballo colaborativo con ordenadores, ofimática nivel usuario de paquetes ofimáticos sectoriais e especializados ou uso de dispositivos, etc.) ata a adquisición de competencias e coñecementos técnicos avanzados (programar sistemas informáticos, configurar e protexer sistemas informáticos, acceder e analizar datos dixitais, etc.), a adquisición de coñecementos de tecnoloxías innovadoras ou disruptivas, etc.

b) As competencias das persoas traballadoras en procesos industriais, incluíndo a manipulación de maquinaria especializada, coñecementos e técnicas do ámbito da construción, técnicas de soldadura, instalación de compoñentes, deseño ou interpretación de documentación ou diagramas técnicos, entre outros.

c) As competencias vinculadas á xestión empresarial, incluíndo competencias de xestión de persoas e equipos (recursos humanos e xestión do talento, xestión de proxectos, etc.), a xestión eficiente dos recursos, a toma de decisións e a planificación estratéxica ou a realización de tarefas administrativas, financeiras e contables, etc.

d) As competencias de prestación de servizos a clientes, tanto vinculadas a promocionar, vender e comprar produtos ou servizos como relativas á atención ao cliente (orientación e asesoramento, satisfacción do cliente, asistencia posvenda, xestión de reclamacións, etc.) e a atención telefónica.

e) As competencias do ámbito asistencial, incluíndo a prestación de coidados (asistencia a persoas enfermas, con problemas de mobilidade e maiores, entre outras), técnicas e coñecementos sanitarios, de diagnóstico ou de medicina preventiva ou de benestar, entre outros.

f) As competencias nas tecnoloxías limpas e eficientes no uso dos recursos (tecnoloxías avanzadas de materiais, fabricación e reciclaxe; tecnoloxías de baterías e almacenamento de enerxía; tecnoloxías de hidróxeno; tecnoloxías de eficiencia enerxética...)..

As accións formativas solicitadas non deben estar incluídas na oferta de formación, formal e non formal, recollida no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE). Para facilitar a comprobación da oferta formativa actual do Catálogo estará dispoñible nas seguintes ligazóns:

https://emprego.xunta.gal/portal/gl/bono-talento https://sede.sepe.gob.es/FOET_CATALOGO_EEFF_SEDE

A entidade solicitante só poderá solicitar un proxecto formativo que, como máximo, poderá conter ata tres accións formativas; cada unha das accións formativas poderá ter unha duración mínima de 16 horas e máxima de 100. O número de horas semanais por persoa participante non poderá ser superior a 40horas, cun límite máximo diario de 8 horas.

Estas accións formativas deberán ser executadas en modalidade presencial e poderanse impartir na súa totalidade ou parcialmente mediante aula virtual. Para estes efectos, considérase aula virtual o contorno de aprendizaxe onde a persoa titora-formadora e as alumnas e alumnos interactúan, de forma concorrente e en tempo real, a través dun sistema de comunicación telemático de carácter síncrono que permita levar a cabo un proceso de intercambio de coñecementos co fin de posibilitar unha aprendizaxe das persoas que participan na aula.

Poderán participar nas accións formativas obxecto de financiamento:

a) As persoas traballadoras ocupadas por conta allea que presten os seus servizos nas entidades beneficiarias destas axudas e estean adscritas ao centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) As persoas traballadoras ocupadas por conta allea que estean contratadas baixo a modalidade de fixos descontinuos poderán realizar a formación tanto nos períodos de ocupación como de non ocupación.

A metodoloxía para calcular a contía da subvención, para os efectos da súa concesión, xustificación e liquidación, así como para a determinación e cuantificación económica dos supostos de incumprimento que, de ser o caso, se produzan, axustarase ao método de custos simplificados establecido segundo o previsto nos artigos 51.c) e 94.4 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, conforme o cal se tomarán os importes dos custos unitarios establecidos para esta tipoloxía de accións formativas no número 3 do anexo do Regulamento delegado (UE) 2023/1676 da Comisión, do 7 de xullo de 2023.

En particular, o gasto máximo subvencionable de cada acción formativa determinarase con base nos seguintes custos unitarios:

a) Custo unitario 1-Tarifa horaria de formación ofrecida ás persoas asalariadas: 18,09 € por hora de formación e persoa participante.

b) Custo unitario 2-Tarifa horaria do salario aboado ás persoas asalariadas que sigan un curso de formación: 20,42 € por hora de formación e persoa participante.

En todo caso, a intensidade máxima da axuda solicitada, está limitada a:

50 % dos custos subvencionables para as grandes empresas,

60 % dos custos subvencionables para as medianas empresas,

70 % dos custos subvencionables para as pequenas empresas e microempresas.

100 % para empresas do sector do transporte marítimo, sempre que se cumpran as seguintes condicións:

a) Que as persoas beneficiarias da formación non sexan membros activos da tripulación, senón persoal supernumerario a bordo.

b) Que a formación se imparta a bordo de buques inscritos nos rexistros da Unión.

A contía máxima da subvención por entidade solicitante non poderá ser superior a 25.000 €.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as microempresas, pequenas e medianas empresas (pemes) e grandes empresas validamente constituídas e con actividade ininterrompida, cando menos, desde tres (3) anos antes da data de publicación desta axuda, con centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver a actividade para a cal solicitan a subvención, que posúan capacidade técnica e financeira suficiente para a execución das accións subvencionadas e non incorran nas circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Tamén poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas que teñan contratadas ao seu cargo persoas traballadoras por conta allea, validamente inscritas no réxime especial de traballadores autónomos ou no réxime especial de traballadores do mar por conta propia, con centro de traballo en Galicia e cunha antigüidade como cotizante igual ou superior a tres (3) anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data de publicación desta convocatoria.


Publicación DOG

Ficha informativa sede electrónica

Infografía informativa

Válido dende: 
venres, 22 Maio, 2026
Válido ate: 
luns, 3 Agosto, 2026