A Xunta organiza un curso de formación en liña específico para persoas traballadoras autónomas en prevención de riscos laborais
- As persoas interesadas poden inscribirse a partir do 17 de agosto a través do formulario do portal web do ISSGA ou directamente nas asociacións de autónomos
- A acción formativa, con 150 prazas e 35 horas, desenvolverase entre o 17 de outubro e o 23 de novembro deste ano
- O alumnado que supere un exame final obterá un certificado que o capacitará para a realización das funcións de nivel básico en prevención de riscos laborais
A Consellería de Economía, Emprego e Industria ten aberto o 17 de agosto o prazo de inscrición para participar nun curso de formación en liña específico para persoas traballadoras autónomas sobre prevención de riscos laborais que terá lugar entre o 17 de outubro e o 23 de novembro deste ano.
A acción formativa, con 150 prazas e 35 horas de dedicación lectiva, ten por obxectivo mellorar a formación das persoas traballadoras autónomas, neste caso, en prevención de riscos laborais, xa que se proporcionará ao alumnado a cualificación que se establece no anexo IV do Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento dos servizos de prevención. A través deste curso os participantes poderán acceder, no caso de que superen un exame final, a un certificado que os capacita para a realización das funcións de nivel básico en prevención de riscos laborais. A dita proba terá lugar o 23 de novembro ás 10,00 horas (lugar do exame aínda por determinar).
Esta actuación enmárcase no obxectivo fixado na Axenda 20 para o Emprego de mellorar as cualificacións dos traballadores galegos para incrementar as súas oportunidades laborais, se encadra tamén na Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo, con 163 medidas para reducir a sinistralidade no traballo, e na Estratexia Autónomo 2020 coa que o Goberno galego prevé favorecer o labor dos traballadores por conta propia cun presuposto de 160 millóns ata 2020, unha media de 40 millóns ao ano.
Máis información neste enlace da sección de cursos da oficina do autonomo